Mesa sectorial de sanidade do 13 de maio de 2022
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
1.- Concurso de traslados aberto e permanente: Oferta de destinos 2022.
O SERGAS informa de que teñen intención de resolver a OPE e o concurso de traslados á vez despois do verán, EXCEPTO en FEA de Medicina Interna e Traumatoloxía que van resolver a mediados de xullo.
Informan de que incrementaron en 45 prazas máis de FEAs para que se oferten a concurso de traslados tantas prazas coma prazas a cubrir por OPE.
CIG-SAÚDE solicitamos a creación dun grupo de traballo para establecer os criterios para a aplicación das áreas de capacitación, que permitan o acceso á formación nestas áreas en condicións de igualdade para todo o persoal do SERGAS. Solicitamos que ditos criterios deben coñecerse previamente.
O luns 16 de maio pechan o cadro definitivamente para a súa publicación no DOG.
2.- Decreto de oferta pública de emprego vinculada á Lei 20/2021.
O SERGAS informa de que existe un grupo de persoal laboral indefinido non fixo por sentenza xudicial en centros como ACIS. Vanse transformar esas prazas laborais en prazas estatutarias, para a súa cobertura con persoal fixo a través dos procesos de estabilización.
O SERGAS acepta a nosa alegación de que corra a lista no caso de que non haxa incorporación efectiva durante a toma de posesión, e incluirano no Decreto.
No referente ao Persoal técnico superior e o Persoal investigador, informan de que no decreto de oferta só enumeran as prazas, pero que será na convocatoria onde se especificarán as características concretas desas prazas.
Con respecto á Oferta de emprego ordinaria para o 2022, informan de que se publicará a finais do 2022, excepto no caso da categoría de enfermeira/o, que publicarán unha oferta parcial co fin de incluír esas prazas nesta convocatoria. Non teñen cuantificadas as prazas aínda.
CIG-SAÚDE solicitamos que na taxa ordinaria non se acumulen prazas en determinadas categorías, posto que a obrigatoriedade de cesar as interinidades aos 3 anos, provocaría a amortización de prazas. O SERGAS acepta valorar a nosa proposta para as seguintes ofertas de emprego.
CIG-SAÚDE non apoiamos este decreto de oferta de emprego posto que estamos en desacordo co marco normativo da Lei 20/2021, posto que se mantén a taxa de reposición impedindo a convocatoria de todas as prazas vacantes de forma normalizada a través dos procesos selectivos.
3.- Complemento de produtividade variable (CPV) na categoría de matrona de Atención Primaria.
A Directora de RRHH informa de que ten autorización de Facenda, con efectos de 1 de xaneiro de 2022, para o pago do CPV ás matronas de atención primaria. O valor do CPV é igual ao das enfermeiras.
Recoñece que non dá resposta ás peticións feitas polos sindicatos, e que a revisión das retribucións que prometerá terá que ser noutro momento.
CIG-SAÚDE insistimos en que isto non cumpre as expectativas, solicitamos o pago da intersubstitución (complemento J), a dispersión xeográfica, e que as prazas que figuran como zona básica 1 pasen a zona básica 2 ou 3.
4.- Proposta de procedemento de cobertura temporal de postos en categorías deficitarias.
A Directora de RRHH presenta na mesa unha proposta de procedemento de cobertura temporal de postos de FEA das especialidades de Traumatoloxía, Medicina Interna e Radiodiagnóstico. Ver PDF
- A contratación nestas especialidades a partir de agora será exclusivamente de longa duración.
- Os nomeamentos serán de área sanitaria, non de centro.
- Quen acepte un contrato en A Coruña, Santiago, Barbanza, Pontevedra, O Salnés, Vigo, Lugo e Ourense, estarán OBRIGADOS a cubrir durante 4 meses nun dos hospitais comarcais de difícil cobertura de O Barco, Verín, A Mariña, Monforte e Cee.
- O tempo prestado neses hospitais comarcais de difícil cobertura terán un valor triple en todos os procesos (listas, OPE, traslados...)
- Terán dereito ao pago do desprazamento. Non hai ningunha outra compensación económica adicional.
O SERGAS quere implantar este procedemento con carácter inmediato. Dan un prazo de alegacións moi breve, ata o 18 de maio.
5.- Rogos e preguntas.
CIG-SAÚDE solicitamos que se publiquen as 23 medidas aprobadas polo Consello da Xunta dos dereitos das embarazadas do SERGAS. O SERGAS responde que teñen intención de publicar no DOG as 23 medidas. Sobre a aplicación xa destas medidas ao persoal das listas din que teñen que valoralo.
CIG-SAÚDE solicitamos unha revisión na mesa sectorial das condicións de prestación e requisitos de acceso do persoal de HADO.
CIG-SAÚDE preguntamos se os contratos eventuais de emerxencia sanitaria que rematan a finais de maio, se van ser renovados. O SERGAS contesta que se van renovar en todas as categorías por 6 meses mais.