Mesa sectorial de sanidade do 14 de xuño de 2022

Cronograma dos procesos selectivos, OPE de enfermeira/o, propostas de medidas en atención primaria, para os hospitais comarcais, medicina interna e enfermaría

  • AgEnfermeira
  • AgMédica
  • Mesa Sectorial
  • Oposicións
  • Sanidade Pública

O SERGAS presenta medidas económicas urxentes en Atención Primaria coas que pretende retribuír mellor a sobrecarga actual dos centros

Na Mesa Sectorial do 14 de xuño a Dirección de Recursos Humanos presenta as seguintes medidas:

Intersubstitución: para médico/a de familia, pediatra, fisioterapeuta, odontólogo/a, enfermeiro/a e inclúese á matrona.

  • Propoñen unha subida do 70% ao 90% das retribucións da persoa ausente.

Prolongación de xornada: para médico/a de familia, pediatra e enfermeiro/a.

  • Propoñen o pago de 200€ por 4 horas de prolongación en médicos/as, e 130€ en enfermeiros/as. O valor hora pasaría de 46€ a 50€/hora na medicina de familia e de 30€ a 33€/hora na enfermería.
  • Ante a disparidade de criterios nas xerencias sobre como se aplican estes complementos, propoñen negociar un procedemento para a xestión destes conceptos, establecendo criterios de cobertura.

Complemento de produtividade, modalidades F e G: Incremento dun 40% do valor

  • Modalidade F.- Polo desempeño de postos de traballo situados en localidades consideradas como especialmente illadas, tendo en conta a súa distancia respecto das grandes cidades ou núcleos de poboación importantes e dos centros hospitalarios correspondentes, sempre que o traballador acredite residir na devandita localidade. Considéranse, para estes efectos, como localidades incursas na devandita condición as que se determinen nas disposicións que desenvolvan o presente decreto.

- en médicos/as 229,28€ e en enfermeiros/as 114,63€.

  • Modalidade G.-Polo desempeño de postos de traballo en condicións de soidade, que se entenderá como aquela circunstancia en que se dea a inexistencia doutro médico xeral ou profesional ATS/DUE que preste servicios no mesmo concello.

- en médicos/as 343,92€ e en enfermeiros/as 171,96€.

Recoñecemento de 28 novos centros como de difícil cobertura: Actualmente, as modalidades F e G afectan a 100 médicos/as de familia, 54 pediatras e 100 enfermeiros/as.

  • Cos novos centros incrementaríanse en 34 médicos/as, 11 pediatras e 48 enfermeiros/as.

Nova modalidade de prolongación: Con carácter voluntario, proposta de distribuír as cartillas das cotas das prazas vacantes (sen cubrir) de Medicina de Familia, a razón dun máximo de 300 a cada profesional, prolongando en 4,5 horas a xornada unha vez á semana, e cunha compensación económica de 10.000€/ano.

CIG- Saúde expuxemos que entendemos a necesidade de tomar medidas urxentes, pero as citadas non solucionan o problema nos centros xa que non incorpora profesionais ao traballo habitual, só retribúe “un pouco” máis o traballo que se realiza.

CIG-Saúde tamén solicitamos a garantía da cobertura do 100% das ausencias de PSX , así como tamén que se valore a carga de traballo destes profesionais e dotar aos centros co persoal necesario. E non estamos a falar dunha categoría deficitaria...

CIG-Saúde esixiu que se continúe canto antes coa negociación do Plan de Ordenación con medidas a curto, medio e longo prazo, xa que, como evidencian os datos, o déficit de profesionais, tanto de Médicas/os de Familia como de Enfermeiras/os, vaise manter no tempo e é urxente aportar medidas para corrixir a situación na que se atopa a Atención Primaria.

Ver CIG informa

O SERGAS acepta crear un grupo de traballo para analizar e buscar solucións á situación de precariedade que padecen as/os médicas/os de Medicina Interna

CIG-Saúde instou hoxe ao SERGAS á convocatoria deste grupo de traballo, derivado da mesa sectorial, coa finalidade de abordar a situación global deste colectivo e tratar de acadar melloras nas súas condicións de traballo.

A pandemia agudizou a sobrecarga de traballo que teñen as/os médicas/os de Medicina Interna que xa era mala previamente. O desenvolvemento da profesión fixo que aumentara a carga de traballo pero non as/os profesionais, polo que asumen máis pacientes dos que serían recomendables, cobren as ausencias das/os compañeiras/os. E todo isto encadeando anos de contratos precarios que favoreceu a marcha de profesionais.

Para isto é necesario elaborar Plans funcionais que permitan avaliar e dotar, cas/os profesionais necesarios, os hospitais así como a cobertura estable (interinidades para posteriormente cubrir con persoal fixo) de todas as prazas.

A todo isto, súmase a falta de profesionais nos hospitais comarcais, ante a que o SERGAS resposta con medidas forzosas para o persoal eventual no canto de incentivar ás profesionais que realicen estas coberturas. Estas medidas forzosas non serían máis que un parche temporal.

CIG-Saúde solicitou ao SERGAS, de novo, a información necesaria para facer unha análise da situación dos hospitais comarcais así como posibles medidas incentivadoras, como xa fixera nas alegacións presentadas ao documento inicial do SERGAS. Ver máis información.

Este xoves CIG-Saúde convocou as/os médicas de Medicina Interna afiliadas para avaliar a situación e definir as medidas a solicitar neste grupo de traballo.

CIG-Saúde agarda que este grupo de traballo sirva para mellorar as súas condicións de traballo e non para alongar e enquistar a precariedade na que está traballando este persoal.

Ver CIG informa

O SERGAS acepta analizar o déficit de profesionais e medidas a adoptar na categoría de enfermeira/o

CIG-Saúde solicitou en Mesa Sectorial a creación deste grupo de traballo, xa que a situación da profesión é crítica.
Está previsto un alto número de xubilacións e parece que o número de enfermeiras/os que saen anualmente das Escolas de Enfermería non vai ser suficiente para repoñer este déficit.

Nos hospitais e na atención primaria, están sendo frecuentes as ausencias sen cubrir, a denegación sistemática de LDs (días de libre disposición), permisos; co que as/os enfermeiras/os ven gravemente mermados os seus dereitos.

A pandemia agudizou aínda mais a sobrecarga de traballo, tanto en atención primaria coma hospitalaria, dando lugar a uns ratios de paciente/enfermeira inasumibles e que non permiten garantir a calidade asistencial.

É por isto que se fai necesario a creación deste grupo de traballo onde se analice o déficit de profesionais existente, a situación dos próximos anos e posibles medidas a curto, medio e longo prazo para dar resposta á sobrecarga asistencial así como a garantir os dereitos das/os traballadoras/es.

Ver CIG informa

Cronograma dos procesos de selección e provisión

OPE

- 15 de xuño: modificación na composición do tribunal da categoría de Telefonista.
- 17 de xuño: modificación na composición do tribunal da categoría de Calefactor/a.
- 21 de xuño: publicación da listaxe de admitidas/os e excluídas/os da OPE por Concurso de méritos da categoría de Facultativa/o especialista en atención primaria.
- 22 de xuño: publicación da baremación definitiva da fase de concurso (con apertura dun mes a partir desa data para a entrega da documentación que se solicita) nas categorías de:

o FEAs
o Médica/o urxencias hospitalarias
o Médica/o asistencial do 061
o Médica/o de Admisión e documentación sanitaria
o Técnicas/os sanitarias/os: técnica/o de farmacia, técnica/o superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnica/o superior en hixiene bucodental, técnica/o superior en imaxe para o diagnóstico, técnica/o superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnica/o superior en radioterapia.

Concurso de traslados

- CIG-Saúde solicitamos que as adxudicacións provisionais do concurso de traslados se publicaran no
mes de xullo. O SERGAS negouse a darnos unha previsión de publicación, indicando que se
resolverán no último trimestre do ano.

- 1 de outubro: resolución do concurso de traslados para as categorías de FEA de Medicina Interna
e FEA de Traumatoloxía.

Concurso específico de especialistas en enfermaría pediátrica

- Informan de que antes de final deste mes de xuño sairán as listas provisionais de baremación.

Listas de selección temporal

- CIG-Saúde solicitamos a publicación das listas de selección temporal que nin tan siquera teñen publicadas as listas provisionais, incumpríndose polo tanto que todas as listas estean actualizadas a 30 de xuño.

Ampliación do nº de prazas da convocatoria de OPE de enfermeira/o

17/06/2022, publicarase no DOG a ampliación de prazas da convocatoria en curso de Enfermeira/o para sumar as prazas da Lei de estabilidade 20/21.

  • Súmanse 230 prazas ás 1070 que xa estaban convocadas. Destas 230 prazas que se engaden, 16 irán pola quenda de discapacidade xeral.

Volver