Mesa sectorial de sanidade do 19 de outubro de 2021
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
ORZAMENTOS 2022 E LEI DE MEDIDAS
- O SERGAS anunciounos que no Consello da Xunta acordaron incluír na lei de medidas de acompañamento aos Orzamentos do 2022 a creación dunha nova categoría de persoal facultativo de atención primaria que levará aparellada a prestación de servizos obrigatoria de xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas de PAC, e unha retribución adicional.
Intentaron convencernos de que teñen vontade de negociar cando isto non foi tratado en ningún momento na Mesa sectorial.
Cuns orzamentos pechados, o único que pretenden é simular unha negociación desa retribución adicional e da xornada a realizar, cando xa está todo decidido.
- Acordáronse tamén dos Técnicos/as de saúde que quedan nalgún centro de saúde para, a través da lei de medidas, modificarlles as súas funcións e que teñan que asumir tarefas de apoio na xestión das IT.
- Incluirán na lei de medidas a conxelación do pago da atención continuada nas exencións de gardas dos/as maiores de 55 anos.
- O SERGAS infórmanos de que nos orzamentos 2022 se van a consolidar 1388 prazas:
- Plan galego de HADO: 6 prazas
- Plan de saúde mental : 43 prazas
- Atención primaria: 109 prazas
- Consolidación dos nomeamentos de continuidade: 86 prazas
- Estabilización do emprego temporal (prazas ocupadas durante mais de 3 anos con contratos eventuais): 982 prazas
- Persoal residente en formación: 162 prazas
Podes descargar aquí o cadro que aportou o SERGAS co detalle das categorías.
CIG-Saúde denunciamos que só haxa 109 prazas de nova creación en Atención primaria exclusivamente para as categorías de farmacéutico/a de AP e enfermeiro/a. A CIG-Saúde nos parece inaceptable que non se creen prazas de psicólogos/as clínicos/as, fisioterapeutas, PSX, matronas, entre outras categorías que serían necesarias para dar unha prestación de calidade dende a atención primaria.
CIG-Saúde solicitamos a recuperación dos acordos suspendidos e que se abra unha mesa de negociación onde se elabora un plan de recuperación.
PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DE ATENCIÓN PRIMARIA
A Directora de Recursos Humanos comprometeuse a negociar un plan de ordenación de recursos humanos pero escúdanse para retrasalo en que se está negociando a nivel estatal un plan de atención primaria neste último trimestre do ano.
CIG-Saúde esiximos a elaboración deste plan de ordenación de recursos humanos, sen demoras, para ver a situación actual da atención primaria, cales son as necesidades e en base a iso facer unha planificación das necesidades de persoal.
O xerente do SERGAS comprometeuse a elaborar un novo modelo de Atención primaria que transforme o actual cun sistema de clasificación da demanda, con consultas finalistas da enfermaría e introducindo novos perfís profesionais na atención primaria. Informan de que está convocado o Consello técnico de AP para a vindeira semana e que pretenden continuar traballando na elaboración das carteiras de servizo.
PROPOSTA DE CREACIÓN DA CATEGORÍA DE DIETISTA-NUTRICIONISTA
A Administración presenta un borrador de Anteproxecto de Decreto polo que se crea a categoría estatutaria de dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde para que remitamos alegacións.
Consistiría nunha categoría de graduado A2 que se incluiría tanto na atención primaria coma na hospitalaria.
PROPOSTA DE DECRETO DE ORDENACIÓN DO SISTEMA DE FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA
A Administración presenta un borrador de Anteproxecto de Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na comunidade autónoma de Galicia para que remitamos alegacións.
Informan de que, entre outras medidas inclúen unha regulación das condicións dos/as titores/as clínicos/as.
OUTROS TEMAS
CIG-Saúde preguntamos pola convocatoria do 2º proceso do concurso específico de enfermeiros/as especialistas en enfermaría pediátrica. A Administración responde que en breve nos remitirán a convocatoria.
CIG-Saúde solicitamos que se traten na mesa sectorial os seguintes temas:
- Cómputos de xornada do persoal eventual
- Rexistro das solicitudes de permisos e licenzas a través do FIDES
- Valor da hora de xornada complementaria
- Aclaración dos cadros recollidos na instrución de gardas localizadas
- Retribución dos días de especial significación par todas as categorías