Mesa sectorial de sanidade do 20 de decembro de 2021
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Esta reunión extraordinaria celebrouse a petición das organizacións sindicais, mais o resultado foi que a Administración adía calquera medida para mais adiante, sen datas concretas.
PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DE ATENCIÓN PRIMARIA
O SERGAS non presenta ningunha documentación sobre este tema, só pregunta ás organizacións sindicais se queremos un plan de ordenación de recursos humanos só de primaria, ou se queremos negociar un plan xeral.
Para CIG-Saúde non é excluínte a elaboración dun plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria, con abordar paralelamente un plan de ordenación para atención hospitalaria.
A Administración informa que a partir do 15 de xaneiro convocará unha nova reunión de Mesa sectorial para iniciar a negociación do plan.
PERMISOS, LICENCIAS, VACACIÓNS E CÓMPUTOS DE XORNADA PENDENTES DE DESFRUTAR
A Administración presenta un borrador de instrución para a concesión dos días de libre disposición, coa intención de harmonizar o procedemento de concesión dos LDs.
CIG-Saúde expuxemos que a instrución que achegan na reunión de hoxe non serve para solucionar a situación actual, e tamén é deficitaria como procedemento de solicitude e concesión dos LDs.
Para CIG-Saúde esta instrución ten que formar parte do acordo de permisos e licencias que temos pendente negociar; e tamén debe de incorporar o cómputo de xornada dos permisos, LDs... como xornada realizada, entre outras cousas.
RETRIBUCIÓNS COMPLEMENTARIAS
A Administración expón que están a estudar unha regulación coas cantidades a aboar en todas as xerencias como xornada complementaria no caso de que se utilice a autocobertura para a cobertura de ausencias, e que nos informarán “proximamente”.
CIG-Saúde solicitamos unha retribución complementaria para a prestación de servizo en unidades de hospitalización e primaria diferente da que se paga pola campaña de vacinación, que conteña a retribución da atención continuada en noites, festivos...
Desde CIG-Saúde reiteramos que estamos en contra da autocobertura cando exista persoal dispoñible nas listas de contratacións. Solicitamos esta retribución complementaria para dar resposta á situación actual de falta de profesionais, nomeadamente de enfermeiras/os.
Agora si, O SERGAS ten que por en valor o traballo das/os profesionais e pagar a autocobertura, xa que a necesidade de que o persoal incorpore horas de traballo é do SERGAS.