Mesa sectorial de sanidade do 21 de maio

Concurso de traslados e gardas localizadas

  • Concurso de traslados
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Concurso de traslados

CIG-Saúde solicitamos que se oferten no concurso de traslados TODAS as prazas vacantes, estean ocupadas por interinidade ou non.

Denunciamos que se non se cobren as vacantes é pola mala xestión das xerencias, isto non é imputable os/as traballadores/as. O persoal non pode resultar prexudicado/a pola política de persoal do SERGAS.

A Administración négase a modificar o criterio de que se ofertarán as prazas vacantes orzamentadas cubertas por interinidade. Polo que todas as prazas vacantes de FEAS que teñen convocada a súa cobertura con interinidade, pero que a 31/12/2020 estaban sen resolver, non se incluirán na oferta de concurso de traslados do 2021.

Informan que con carácter xeral, a partir de agora as prazas vacantes vanse cubrir nun prazo máximo de 3 meses desde que se producen.

CIG-Saúde solicitamos que se negocien uns criterios xerais para a convocatoria de prazas de alta especialización ou con perfil. Propoñemos que para o acceso a estas prazas se poida acceder dunha forma semellante que para acceder ás prazas con titoría, co compromiso de que a persoa se formará nesa área de capacitación.

A Administración entende que as prazas con perfís incluídas no concurso de traslados están perfectamente xustificadas.

CIG-Saúde solicitamos a negociación da ordenación das matronas en atención primaria.

A Administración recoñece a necesidade de abordar este tema, pero entenden que non é o momento.

Gardas localizadas

CIG-Saúde solicita que nas xuntas de persoal ou nas comisións de centro se realice un estudio da presencialidade na prestación de gardas localizadas para poder valorar a creación de prazas estruturais.

A Administración negouse a negociar o valor da hora de garda localizada, nin a revisar en profundidade as condicións laborais do persoal que as realiza.

Néganse a recoñecer a prestación efectiva nas gardas localizadas como xornada ordinaria.

Das alegacións presentadas por CIG-Saúde, só aceptaron incluír o seguinte:

  • Descanso compensatorio: no caso de gardas localizadas continuadas en varios días, considerarase que se interrompe o descanso diario cando, entre o fin da activación nun día de garda e o inicio da reactivación no día seguinte, non existe un descanso diario de 12 horas.
  • O tempo de desprazamento que se incluirá como de prestación efectiva será de 60 minutos.
  • Nos días de especial significación (24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro) percibirase o valor de garda dobre.
  • No caso de activación durante a noite, noite prefestiva ou festividade, percibirase o módulo completo de noite, noite prefestiva ou domingo/festivo.

A Administración dá por rematada a negociación. Informan que a instrución de gardas localizadas será de aplicación con efectos do 01/01/2021.

Volver