Mesa sectorial de sanidade do 24 de setembro de 2021

Atención primaria

  • Atención primaria
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Información sobre o restablecemento da actividade asistencial presencial en Atención Primaria.

O SERGAS confirma na Mesa Sectorial que o marco das medidas que están a tomar en Atención Primaria son o Plan galego de Atención Primaria 2019-2021 e as conclusións dos/as "expertos/as".

Para CIG-Saúde, o marco das medidas a tomar en Atención Primaria non é o Plan Galego de Atención Primaria senón o resultado do traballo das verdadeiras expertas e expertos que participaron nos grupos do Consello Técnico.

CIG-Saúde esiximos que se complete o traballo do Consello Técnico, publicando as conclusións finais e que se convoque mesa Sectorial específica para avaliar as necesidades de recursos humanos necesarios para desenvolver esas conclusións.

CIG-Saúde denunciamos a contradición das declaracións do Presidente da Xunta, do Conselleiro de Sanidade e da Directora Xeral de Planificación Asistencial e Reforma Sanitaria sobre a inmediata posta en marcha da presencialidade a demanda das usuarias e usuarios.

CIG-Saúde denunciamos que a modificación das axendas non modifica a realidade que se está a vivir na Atención Primaria, de sobrecarga asistencial, desánimo e sensación de abandono; e que este verán foi dos peores da historia recente da Atención Primaria.

As verdadeiras axendas de calidade serían as que se adaptaran ás condicións de traballo de cada profesional, tendo en conta a súa presión asistencial, dependente das características socio demográficas do cupo e do propio perfil do profesional, e que permitiran dar resposta, con tempo e calidade, ás necesidades sanitarias dese cupo.

CIG-Saúde preguntamos que pasa coas axendas de calidade de Fisioterapeutas, ou coa incorporación de novas categorías profesionais na Atención Primaria como psicoloxía clínica.

CIG-Saúde tamén denunciamos a nefasta política de comunicación sobre a posta en marcha de novas carteiras de servizos para determinadas categorías profesionais, nomeadamente enfermaría, facendo referencia ao obxectivo de descargar de traballo a medicina de familia.

Para CIG-Saúde o obxectivo non é descargar de traballo a ninguén senón completar o desenvolvemento profesional de tódalas categorías profesionais para ofertar o mellor servizo posible na Atención Primaria.

Para CIG-Saúde, se o Plan Galego está cumprido e isto non tivo repercusión real nos centros, é que non se fixo o que era necesario facer.

Volver