Mesa sectorial de sanidade do 25 de marzo de 2022

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Declaración de dereitos da traballadora embarazada do SERGAS

A Administración presentou o documento definitivo da Declaración de dereitos das persoas traballadoras embarazadas do SERGAS, logo de recoller unha boa parte das alegacións presentadas por CIG-SAÚDE:

  • Medidas para as embarazadas o día do exame dos procesos selectivos.
  • Percepción do 100% das retribucións e da atención continuada nas adaptacións de posto por embarazo ou lactación natural.
  • Exención voluntaria de gardas e quendas de máis de 8 horas, a partir do 3º trimestre de embarazo

Para CIG-SAÚDE é fundamental negociar as medidas de igualdade do persoal eventual, establecendo un calendario de aplicación, independentemente do ritmo da negociación do novo pacto de selección temporal.

CIG-SAÚDE solicitamos o abono da atención continuada tamén nas IT derivadas do embarazo. O SERGAS non inclúe esta situación, mais seguiremos insistindo.

CIG-SAÚDE esiximos unha data para continuar coa negociación do pacto de selección temporal, e o SERGAS informou de que previsiblemente terá lugar o día 7-8 de abril.

Condicións de desfrute do permiso de lactación

O SERGAS entregou unha proposta de Instrución sobre as condicións de desfrute do permiso de lactación, abrindo un prazo de alegacións de unha semana.

Desde CIG-SAÚDE congratulámonos con esta medida, que viñamos esixindo desde o ano 2019, cando se publicou o Real Decreto/Lei de igualdade, que lle daba unha nova configuración a este permiso, e que recoñece o dereito de 150hs de permiso. Este dereito estábase a desfrutar polo resto do persoal da Administración Autonómica, excepto no SERGAS.

CIG-SAÚDE reiteramos que ten que vir ben recollido como se computan as 150hs.

A directora de RRHH comprometeuse a buscar unha regulación para que o persoal contratado tamén desfrute o permiso na súa totalidade.

O permiso vai ser de aplicación ao persoal que actualmente está desfrutando este permiso, e CIG-SAÚDE tamén solicitamos que se resolvan positivamente os recursos de alzada presentados por este tema.

Revisión retributiva do persoal estatutario investigador

A equiparación salarial do persoal estatutario investigador foi aprobada na mesa sectorial do 14 de xullo de 2021, desde aquela estábamos agardando que Facenda dera a autorización de cobro.

CIG-SAÚDE levamos 2 anos solicitando esta equiparación. Este persoal está contratado no SERGAS desde o ano 2008 co mesmo salario, e as novas incorporacións perciben mellores salarios ca eles/as, a pesares que este persoal son investigadores/as distinguidos/as.

O SERGAS recoñece esta equiparación retributiva con efectos do 1 de xaneiro de 2022.

CIG-SAÚDE solicitamos que os efectos económicos sexan dende xullo de 2021.

Outros temas

Desde CIG-SAÚDE preguntamos se a Consellaría de Sanidade unha vez recibida a reclamación previa á vía xudicial, na que se demostra que a suspensión dos acordos é unha decisión política e non económica, ten algunha intención de convocar a mesa de negociación.

CIG-SAÚDE solicitamos un calendario de reunións para abordar: Pacto de selección temporal, permisos e licenzas, cómputos de xornada, matronas.

Desde CIG-SAÚDE manifestamos que o tratamento das TIS de todas as categorías no Plan de ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria non é incompatible con ir negociando o sistema retributivo de matronas, para que sexan de aplicación todos os conceptos retributivos que percibe o persoal de atención primaria: dispersión, intersubstitución, produtividade variable...

CIG-SAÚDE denunciamos o que está acontecendo nalgunha área co persoal de PAC en relación ao desfrute dos LDS, posto que as xerencias estanlles liquidando os días non desfrutados como atención complementaria. O SERGAS comprométese a que conste na acta da mesa de hoxe, que as xerencias dean a opción de elección de desfrute ou liquidación dos LDS ao traballador/a de PAC.

Volver