Mesa sectorial de sanidade do 25 de novembro de 2020

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

1.- Plan de continxencias COVID en materia de RRHH.
Ficou aprobado o plano de continxencias cos apoios de CCOO, CSIF e SATSE, e co voto en contra de CIG-SAÚDE
e UGT.

Neste plano inclúense diversos temas:

Puntuación adicional para o persoal das listas de selección temporal por estar dispoñible durante  a emerxencia sanitaria.

Desde CIG-Saúde solicitamos a súa retirada, dado que a compensación ao persoal eventual ten que vir pola estabilidade na contratación e a estabilidade nas OPEs.

Non aceptamos unha puntuación que vai distorsionar as baremacións de selección temporal, e na que o persoal para conseguir a puntuación ten que renunciar a vacacións, permisos e dereitos relacionados coa conciliación da vida familiar.

Será de aplicación só para as categorías deficitarias (médico/a de familia, pediatra de AP, médico/a de urxencias hospitalarias, enfermeira, matrona e TCAE).

Será unha puntuación de 0,15 puntos por mes, por estar dispoñible no período comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 15 de outubro de 2021.

Non interromperá a dispoñibilidade aos efectos da asignación desta puntuación os seguintes supostos:

1.- Os supostos de suspensión de chamamento por matrimonio, paternidade e adopción ou acollemento; por enfermidade, e por matrimonio ou unión de feito.
2.- Os supostos de suspensión de reactivación automática agás o motivado por asuntos propios sen xustificación.
3.- A suspensión de chamamentos que teña como causa a realización do período de formación especializada polo sistema de residencia (MIR, EIR..)

Esta puntuación adicional irá incluída sen que se poida superar a puntuación máxima total de 100 puntos do baremo.

Novo nomeamento eventual por emerxencia sanitaria.

Este Plan recolle a proposta de CIG-Saúde de contratos eventuais de 6 meses ofertados como longa duración... pero estes contratos non serán para todas as categorías.

Vanse ofertar 1150 contratos, dos que 740 son para enfermeiras/os e 410 para o resto de categorías. Para enfermeiras non son suficientes, pero, ademais, son manifestamente insuficientes no resto de categorías, sobre todo para TCAEs, PSX e enfermeiras/os especialistas.

Serán contratos de 6 meses prorrogables en función da emerxencia sanitaria.

A oferta será como mellora de contrato ofertado como de longa duración.

- Para quen estea vinculado/a nun contrato de corta duración, a súa aceptación será voluntaria.
- Para quen non estea vinculado/a, a súa aceptación será obrigatoria.
- Quen acepte ese contrato seguirá dispoñible para os contratos de longa duración que lle correspondan pola súa orde de prelación.

Criterios de mobilidade do persoal

Establecéronse uns criterios de mobilidade de persoal tanto dentro da mesma área, coma entre áreas sanitarias.

TeletrabalIo e flexibilidade horaria

Adóptanse medidas de teletraballo e flexibilidade horaria para situacións especiais de emerxencia sanitaria.

Negociaranse proximamente na Mesa Sectorial unhas bases para a implantación do teletraballo e a flexibilidade horaria no SERGAS.

Pausa adicional durante a xornada laboral

Inclúese no plan un descanso de 45 minutos, nas quendas de 7 horas, e de 60 minutos nas quendas de 10 ou máis horas.

Será para o persoal de plantas de hospitalización COVID, Unidades de críticos, circuitos COVID e COVID-auto, que conleve un uso continuado de EPI completo.

Para CIG-Saúde esta pausa ten que conlevar un dimensionamento suficiente destas unidades para que non supoña unha sobrecarga para o resto de compañeiros/as.

Formación COVID

A realización do curso de autoformación de prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus, terá a consideración de 3 horas de xornada efectiva.

Permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario

Será para o persoal de plantas de hospitalización COVID, Unidades de críticos, circuitos COVID e COVID-auto, que conleve un uso continuado de EPI completo.

Consiste en un día adicional de permiso retribuído (ou libranza) -cun máximo de tres- por cada 15 días consecutivos de carteleira (coas libranzas que correspondan) que foran efectivamente traballados durante o estado de alarma.

Para CIG-Saúde este punto non está claro.

- A quen afecta? Só ao persoal temporal?
- Que se entende por uso continuado de EPI?

CIG-Saúde solicitamos negociar este permiso na negociación que temos pendente de permisos e licenzas e con un tratamento máis global, pero ao final quedou incluído no plan.

2.- Modificacións normativas que van incluír na lei de medidas de acompañamento dos orzamentos do ano 2021.

Pago da atención continuada nas situacións relacionadas coa maternidade.
CIG-Saúde solicitamos que se recolla tamén o pago da atención continuada nas IT por contaxio ou illamento por COVID.

Redución dos prazos posesorios do concurso de traslados recollidos no decreto 206/2005.
o Mesma área sanitaria, pasa de 3 a 2 días.
o Distinta área sanitaria, pasa de 15 a 7 días.
o Distinto servizo de saúde, 1 mes.
CIG-Saúde solicitamos a creación do grupo de traballo para a adaptación de todas as melloras da Lei de emprego de Galiza, e non só os recortes.

Puntuación específica para os procesos de selección fixa (OPE) pola prestación de servizos durante o COVID.
CIG-Saúde solicitamos a eliminación desta puntuación adicional.
A Administración informa que esta puntuación vaise negociar no decreto de provisión.

3.- Orzamentos 2021 dotación de prazas.

  • Plano Atención Primaria 2021
39 médicxs de familia/PAC 57 enfermeirx
10 Enfermeirxs de Familia e comunitaria 10 pediatras
2 farmacéuticxs de AP 21 fisioterapeutas
9 traballadorxs sociais 3 matronas
  • Plano estratéxico de saúde mental
32 Psiquiatras 31 Psicólogxs clínicxs
32 enfermeirxs de Saúde mental 2 terapeutas ocupacionais
11 TCAEs 12 traballadorxs sociais
  • Plano hospitalización a domicilio (HADO)
5 adxuntxs especialistas 10 enfermeirxs

Información sobre o incremento de prazas MIR e EIR.

Informaron dunha ampliación total de 125 prazas MIR e EIR.

CIG-Saúde solicitamos a negociación do decreto de titora/or clínico.

4.- Rogos e preguntas.

CIG-Saúde solicitamos a inmediata negociación do sistema retributivo de matronas de atención primaria que leva pendente desde o ano 2000.

Volver