Mesa sectorial de sanidade do 26 de novembro de 2021

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Plan de ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria

O SERGAS fixo entrega dunha proposta para elaborar o plano de ordenación de RRHH para a atención primaria. O documento é bastante simple e con pouca información.

Segundo a directora de RRHH na próxima semana aprobarán o documento de primaria que están a elaborar as CCAA e o ministerio de sanidade, despois incorporaran as posibles medidas neste plano.

Para a negociación deste plano teremos unha nova reunión en decembro ou a primeiros de xaneiro. Desde a CIG-SAÚDE solicitamos un cronograma de negociación.

Ratificación dos acordos das comisións

a.- Carreira Ordinaria.

Ratifícase a adaptación do baremo para o ano 2021 acordada na comisión de seguimento.

b.- Nomeamento de continuidade e Plan de continxencias.

CIG-SAÚDE votamos en contra da prórroga destes contratos, xa que a CIG-SAÚDE non asinamos ningún destes planos por insuficientes, e porque non deron nin dan resposta ás necesidades asistenciais.

CIG-SAÚDE denunciamos que estes vínculos son insuficientes e que non permiten que o persoal desfrute os días de permiso aos que ten dereito.

CIG-SAÚDE denunciamos que non exista no FIDES un rexistro para a petición dos permisos. Esiximos que se concedan os permisos, e que exista un procedemento normalizado de rexistro, que regule a concesión e denegación.

Segundo a Administración existe un nº suficiente de contratacións para que se poidan conceder os permisos.

Información da política de persoal na categoría estatutaria de persoal enfermeira especialista.

O SERGAS informa que autorizou ás xerencias para que transformen prazas vacantes de enfermeira/o de atención primaria en prazas de enfermeira/o especialista en familiar e comunitaria e en enfermaría pediátrica.

No ano 2021, van transformar as seguintes prazas:

-             Familiar e comunitaria: 5 prazas en cada unha das áreas de Coruña, Vigo e Compostela. E 4 prazas en cada unha das áreas de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol.

-             Pediatría: 2 prazas en cada unha das áreas de Coruña, Vigo e Compostela. E 1 praza en cada unha das áreas de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol.

A partires do próximo ano 2022, transformaranse as prazas de enfermeira/a en prazas de enfermeira/o especialista en función das necesidades de persoal que se recollan nos planos de saúde local de cada centro.

Mobilidade de especialistas en traumatoloxía ao hospital de Valdeorras.

No hospital de Valdeorras quedaron sen ningún traumatólogo/a, e a 2 días da manifestación puxeron toda a maquinaria da consellaría para cubrir esta especialidade de forma provisional até marzo. En marzo pensan cubrilas coa OPE.

Desde a CIG-SAÚDE levamos anos denunciando esta situación, sen que fixeran ningún caso e achegaran solucións. A día de hoxe o hospital ten menos cadro de persoal que no ano 1997.

O desmantelamento deste hospital e do resto de hospitais comarcais é froito da política do PP; é a consecuencia da aplicación da modificación da Lei de Saúde e a desaparición das xerencias e as áreas sanitarias.

CIG-SAÚDE preguntamos que van facer para dotar de persoal ao resto de prazas de FEAS que están desertas neste hospital. Hoxe resolven a falta puntual de traumatólogos/as pero hai máis de 20 prazas de distintas especialidades que levan anos sen cubrirse.

Información convocatoria concurso-oposición corpos e escalas Lei 17/1989.

O SERGAS informa de que no mes de decembro vai convocar o proceso selectivo do persoal funcionario destas categorías.

Na convocatoria de OPE van saír convocadas as prazas ofertadas nos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, en total 94 prazas:

  • 18 prazas de farmacéutico/a inspector de saúde pública
  • 5 prazas de inspector/a farmacéutico/a
  • 19 prazas de inspector/a médico/a
  • 3 prazas de biólogo/a
  • 5 prazas de químico/a
  • 6 prazas de farmacéutico/a
  • 19 prazas de médico/a
  • 2 prazas de psicólogo/a
  • 11 prazas de DUE
  • 6 prazas de subinspector/a

CIG-SAÚDE solicitamos a integración como persoal estatutario do persoal da Lei 17/1989. A integración deste persoal xa estaba prevista no ano 2008.

  • OPE Persoal estatutario.

O SERGAS informa que as oposicións convocadas van seguir a súa tramitación con normalidade, e que os exames se realizarán nas datas anunciadas.

Van esperar a que se remate a tramitación do Real Decreto Lei de estabilidade, e en función diso, negociar as novas convocatorias de OPE.

Decreto de creación da categoría de biblioteconomía e documentación.

A Administración entregou na mesa un borrador do decreto de creación desta categoría, abríndose un prazo de alegacións até o día 15 de decembro.

Outros temas
  • Vacinación do persoal da sanidade pública, da sanidade privada e do persoal sociosanitario.

O Xerente do SERGAS informou que a administración desta vacina se vai a realizar por orde alfabético. Administraranse nos centros masivos de vacinación de cada área.

Teñen previsto iniciar a vacinación o día 2 de decembro.

Rogos de preguntas

CIG-SAÚDE preguntamos pola 2ª convocatoria do concurso específico das/s especialistas en enfermaría pediátrica. O SERGAS informa de que se convocará cando rematen as incorporacións do concurso de traslados.

CIG-SAÚDE solicitamos que se abone a contía de festivo de especial significado a todo o persoal, tanto de hospital coma de primaria, que traballe os días 24 e 31 de decembro.

CIG-SAÚDE solicitamos, que en  cumprimento do acordo de fin de folga de PACs se doten todos os PACs coas equipas dobres.

CIG-SAÚDE solicitamos negociar, de inmediato, os permisos e licenzas.

CIG-SAÚDE solicitamos revisar o acordo do 2001, no referente ao cómputo de xornada do persoal eventual.

CIG-SAÚDE solicitamos que se abone de inmediato o pago do específico ao persoal investigador estatutario que foi acordado na mesa sectorial do mes de xullo, a petición de CIG-SAÚDE.

Volver