Mesa sectorial de sanidade do 4 de novembro de 2021

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Artigo 34 da Lei de medidas, orzamentos 2021.

A consellaría de sanidade introduce na lei de medidas, no seu artigo 34, a creación dunha nova categoría profesional de facultativo/a especialista de atención primaria, e dota de mais funcións aos Técnicos de Saúde, nomeadamente na xestión de I.T.

  • Creación da Categoría de facultativo/a especialista de atención primaria

O SERGAS argumenta que crea esta categoría para intentar dar unha solución á grave situación que existe na atención primara pola falta de persoal médico; como se a falta de médicos/as fose unha novidade.

O SERGAS recoñece que nos próximos 3 anos vanse producir no entorno de 400 xubilacións de persoal médico. Das cales, a día de hoxe xa hai 55 prazas sen cubrir dado que non hai ninguén dispoñíbel.

Segundo explican, esa nova categoría vai ocupar as prazas vacantes de primaria ordinaria, coa obrigatoriedade de 2 gardas en PACs; e con carácter voluntario, a maiores, poden facer gardas en urxencias hospitalarias. Para CIG-Saúde esta proposta vén a consolidar o modelo do nomeamento de continuidade.

A lei de medidas recolle unha vixencia de 5 anos, mais o SERGAS recoñece que pode durar mais.

Estas prazas van ter un novo concepto retributivo, como o que existe para o persoal de urxencias hospitalaria: complemento de atención urxente; 173,46 €/mes. O SERGAS confirma que non van a cobrar a atención continuada (noites e festivos) nas gardas de PACs.

Como primeiro incentivo para facer atractivas estas prazas propoñen o acceso á condición de persoal fixo a través dun concurso de méritos, que se convocaría no mes de maio-xuño de 2022. CIG-Saúde denunciamos que isto vai crear diferencias entre as distintas categorías, onde a día de hoxe temos prazas ofertadas de médico/a de familia pendentes de ser convocadas por concurso-oposición.

  • Neste concurso de méritos vanse convocar as actuais 55 prazas vacantes non cubertas, as vacantes que xurdan a partir de agora, e as prazas recollidas no plan de saúde de atención primaria que teñen sen cubrir; calculan que a convocatoria será do entorno de 70 prazas.
  • As prazas saíran na convocatoria cos destinos identificados, indicando centro de atención ordinaria e PACs de referencia.
  • Neste concurso pode participar todo o persoal que teña o título de médico/a de familia: o persoal fixo por promoción interna, o persoal interino, o eventual e os/as novos/as titulados/as.

Como segundo incentivo para que o persoal acceda á nova categoría, redúcese de 5 a 3 anos a permanencia no grao inicial para acceder ao grao I de carreira profesional.

Condicións que poñen para acceder a estas prazas: deberán permanecer durante 2 anos na mesma praza, sen poder trasladarse e sen poder participar en procesos de promoción interna durante eses 2 anos.

O SERGAS informa que o persoal médico de familia que na actualidade ten unha interinidade vai poder permanecer nela ata a súa cobertura con persoal fixo. Pero todas as novas vacantes que xurdan a partir de agora serán da nova categoría de facultativo/a especialista de atención primaria.

O SERGAS confirma que as prazas ofertadas nos anos 2020 e 2021 de médico/a de familia, que son un total de 143 prazas, non se van convocar proximamente, en espera de que se publique o Real Decreto de estabilidade que se está a debater no Parlamento español.

  • Ampliación das funcións dos técnicos/as de saúde

O SERGAS introduce a través da lei de medidas, no artigo 34, unha nova competencia profesional para esta colectivo, que é a xestión administrativa e asistencial de I.T, como apoio ao persoal facultativo.

O SERGAS informa de que esta situación é transitoria, e que non vai consolidar prazas de técnico/a de saúde no SERGAS. A súa incorporación vai ser mediante vínculos de servizo determinado dun ano e prorrogables.

  • Crearanse a demanda dos profesionais dos centros de saúde. A incorporación dxs técnicos de saúde recollerase no plano se saúde de cada centro.
  • Elaboraranse protocolos que recollan as funcións deste colectivo.
  • A selección deste persoal será abordada na comisión de seguimento de pacto de selección temporal.

 

Flexibilidade do desfrute dos LDs do 2021 até o 31 de marzo de 2022.

Aprobouse a flexibilización no desfrute dos días libre disposición ordinario e adicionais correspondentes ao ano 2021, para que poidan ser desfrutadas ata o 31 de marzo de 2022.

Desde CIG-SAÚDE esiximos que os días non caduquen a 31 de marzo, sempre que a concesión do seu desfrute fose denegada pola xerencia.

Volver