Mesa sectorial de sanidade do 5 de maio de 2022
Decreto de estabilidade 2022
- Mesa Sectorial
- Oposicións
- Sanidade Pública
Proxecto de Decreto de oferta pública de emprego vinculada á Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade.
O SERGAS entregounos na mesa o proxecto de Decreto de oferta pública de emprego extraordinaria para o ano 2022 pola aplicación da lei 20/2021 de redución da temporalidade.
Este proceso de estabilización vaise levar a cabo a través de 2 procesos diferenciados:
- Concurso de méritos: inclúense as prazas ocupadas anteriores a 01/01/2016.
- Concurso-oposición: inclúense as prazas ocupadas nos 3 anos anteriores ao 31/12/2020.
A lei 20/2021 establece unhas quendas de acceso concretas para cada un dos procesos:
- Concurso de méritos: só quenda de acceso libre.
- Concurso-oposición: quenda de acceso libre e quenda de discapacidade (7%)
Nesta oferta de emprego inclúen 2524 prazas, das que 1650 prazas van por concurso de méritos, 840 prazas van por concurso-oposición e 34 prazas de persoal investigador estatutario que van por concurso de méritos.
Podes descargar aquí o cadro de prazas.
Unha vez publicada a oferta de emprego, publicarán unha resolución sumando á convocatoria de OPE de enfermeiro/a as 252 prazas recollidas no decreto de oferta. Estas prazas sumaranse ás quendas de acceso libre e discapacidade.
Quedaría pendente de negociar durante este ano a oferta de emprego ordinaria do ano 2022, que son unhas 1300 prazas correspondentes á taxa de reposición ordinaria do 120%.
O SERGAS informa de que naquelas categorías que teñen prazas ofertadas sen convocar, se sumarán ás prazas incluídas neste decreto de oferta polo sistema de concurso-oposición, para que se resolvan nun único proceso.
O SERGAS informa de que ten a intención de que as prazas que se oferten nestes procesos de estabilización se ofrezan previamente a concurso de traslados.
CIG-SAÚDE rexeitamos este modelo de estabilidade, que na realidade non resolve o problema, ao manter a taxa de reposición. Tampouco respecta os acordos acadados nesta Mesa Sectorial para a regulación dos procesos de OPE e Traslados.
CIG-SAÚDE manifestamos a nosa preocupación sobre os ceses dos/as interinos/as aos 3 anos que se poden dar coa consolidación desta norma, rompendo os criterios de cese que temos acordado, baseados na puntuación nas listas. CIG-SAÚDE preguntamos que vai pasar coa actividade que realizaban esas persoas cesadas aos tres anos ao non poder contratar máis persoas na mesma praza.
Sobre a aplicación da taxa de reposición ordinaria, CIG-SAÚDE defendemos que non pode ser acumulada en determinadas categorías, senón que debe aplicarse á categoría que xera esa taxa de reposición.
CIG-SAÚDE denunciamos que non se inclúen prazas de estabilización da categoría de pediatra de atención primaria cando hai prazas orzamentadas cubertas durante anos con médicos/as puericultores, ou que levan sen cubrirse de forma estable durante anos por falta de profesionais.
CIG-SAÚDE solicitamos un sistema identificativo de prazas que nos permitiría comprobar todos estes cadros.
CIG-SAÚDE solicitamos que se recolla a modificación incorporada para o concurso de méritos da categoría de facultativo de atención primaria, en relación a que corra a lista de adxudicatarios/as se durante a toma de posesión non hai incorporación efectiva.
CIG-SAÚDE solicitamos que se negocien as prazas de persoal laboral das Fundacións públicas coma Medicina Xenómica, nos propios centros co respectivo comité de empresa. Solicitamos tamén que as fundacións dos institutos de investigación sexan considerados do sector público e que se negocien nos centros os procesos de estabilización.
CIG-SAÚDE propoñemos que se resolva primeiro o posible proceso específico para promoción interna, o que permitiría que as prazas do concurso-oposición da quenda de promoción interna que non se cubran pasen á quenda libre. E tamén que se resolva primeiro o concurso de méritos que o concurso-oposición.
O vindeiro 13 de maio convocarase reunión da mesa sectorial para pechar a negociación deste Decreto de oferta pública de emprego.
Rogos e preguntas
CIG-SAÚDE solicitamos que as medidas de protección da maternidade do persoal eventual se apliquen xa sen que teñamos que esperar a que remate a negociación do pacto de contratacións.