Mesa sectorial do 7 de novembro 2024

  • Mesa Sectorial
  • Oposicións
  • Sanidade Pública

Concurso de traslados aberto e permanente

O SERGAS informa que na semana do 18 de novembro publicarase a resolución definitiva do CTAP do ano 2024.

A partir da data de publicación no DOG iniciaranse as tomas de posesión de tódalas categorías, excepto algunhas categorías de FEAs onde a súa incorporación se poderá adiar ata a toma de posesión dos procesos de estabilización
no 2025.

Os efectos administrativos do CTAP de tódalas categorías serán de 2024.

Dotación de prazas no SERGAS para o ano 2025

O SERGAS entrega un cadro coas prazas de nova creación que incluíron no borrador de orzamentos do SERGAS para o vindeiro ano, que como xa é habitual, sen negociación na mesa sectorial.

CIG-Saúde esixe que se negocien no seo da Mesa Sectorial os incrementos de prazas, e os criterios obxectivos que se terán en conta á hora de determinar estas necesidades.

O número de prazas que nos presenta o SERGAS está claramente por debaixo das necesidades de persoal existente.

No caso dos/as dietistas-nutricionistas o SERGAS confirma que a creación de prazas desta categoría vai ser de 45 profesionais, isto supón unha perda de mais da metade dos/as profesionais que están a realizar este traballo a día de hoxe.

Informan que no caso dos/as dietistas-nutricionistas, o persoal contratado actualmente prorrogará o vínculo actual ata o 28 de febreiro. A partir desa data ofertaranse pola lista de contratacións as 45 interinidades creadas para o ano 2025.

O SERGAS non aclara cales son os centros onde vai retirar esta prestación sanitaria que se está dando, CIG-Saúde esiximos que previo á oferta destas 45 interinidades se nos informe para que centros/áreas sanitarias van ir as prazas e en base a que criterios se fixo esta reestruturación da asistencia.

Ademais desde CIG-Saúde seguiremos defendendo que é unha categoría necesaria, que está a desenvolver unha labor moi importante e que a redución do número de profesionais vai levar consigo un empeoramento da prestación sanitaria.

O SERGAS informa que respecto ao persoal enfermeiro que está contratado para “asistencia domiciliaria” prorrogarán estes contratos un ano mais, pero sen previsión de creación de ningunha destas prazas.

Instrución de xornada 2025

O SERGAS emite unhas instrucións, de xeito unilateral, para a aplicación da redución de xornada de 2025 que empeora claramente o acordo do 20 de abril de 2023.

As instrucións OBRIGAN ao persoal facultativo de atención hospitalaria (FEA, médico/a de admisión, médico/a de HADO), ao médico de familia e pediatra de atención primaria e ao FEAP (na súa xornada ordinaria como médico/a de familia) a continuar realizando os sábados que tiñan nas carteleiras previo ao acordo do 20 de abril.

É dicir, na práctica, o SERGAS NON recoñece para este persoal a xornada de 35 horas.

Hai fórmulas para manter a prestación sanitaria sen que iso repercuta na xornada ordinaria que deben realizar os/as traballadores/as da sanidade pública.

061, ADOS, ACIS, Galaria …

O SERGAS volve deixar ao marxe da negociación da Mesa Sectorial, sobre a aplicación do Acordo do 20 de abril, ás entidades adscritas á Consellería (061, ADOS, ACIS, Galaria…).

Na Mesa Sectorial de hoxe, 7 de novembro de 2024, no relativo á instrución de aplicación de redución de xornada do acordo de 20 de abril o SERGAS NÉGASE a incluír ao persoal estatutario destas entidades.

O acordo de 20 de abril é claramente de aplicación a este persoal e, pese que as instrucións están relacionadas co desenvolvemento deste acordo, a
Dirección de RRHH do SERGAS négase a que figuren expresamente na
instrución.

CIG-Saúde seguirá defendendo que os/as profesionais que traballan nestas entidades teñen dereito a que se lles apliquen os acordos de Mesa Sectorial, e por iso, deben figurar de xeito expreso nestes para que non existan diferentes interpretacións na súa aplicación!!

Volver