Mobilizacións 27 de marzo

STOP agresións

  • A Coruña

A xunta de persoal da área sanitaria de A Coruña e Cee ten convocada unha xornada de mobilizacións para o vindeiro xoves, 27 de marzo, en resposta á falta de actuacións por parte da xerencia xa que, transcorridos máis de 50 días dende a grave agresión acontecida no servizo de urxencias do HUAC, “segue sen adoptar ningunha medida preventiva”.

Así, ás 12:00 horas está convocada unha manifestación no Hospital da Coruña, concentracións nas portas de todos os centros de saúde da área sanitaria, así como unha concentración no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. “Non imos deixar de mobilizarnos até que se melloren as condicións de traballo e a seguridade das persoas traballadoras da área sanitaria”, asevera a presidenta da xunta de persoal, Lucía Peón Soutiño (CIG).

Lembra que tanto a Consellería de Sanidade como a xerencia da Coruña anunciaron publicamente unha serie de “supostas medidas que a día de hoxe non foron implantadas, nin avaliadas e que son totalmente insuficientes para previr que acontezan estes sucesos”.

Malia que as persoas traballadoras do servizo de urxencias solicitaron unha reunión para expoñer e abordar as propostas que lle enviaron sobre as medidas que se poderían levar a cabo no seu servizo e evitar os riscos, “non foron escoitadas, nin valoradas, nin obtiveron ningún tipo de resposta, salvo o silencio e a indiferenza”.

A xunta de persoal critica que a xerencia “continúa obviando o problema e intenta silenciar as persoas traballadoras que se enfrontan todos os día a situacións potencialmente perigosas sen medios, sen espazos axeitados e sen protocolos adecuados que garantan a súa seguridade e a do/a doente”.

As peticións neste sentido realizas pola comisión de centro do CHUAC para desbloquear a situación e negociar as medidas preventivas “tampouco obtiveron resposta, vulnerándose así o órgano de representación e polo tanto desprezando ao conxunto de traballadoras/es”.

Como exemplo desta falta de comunicación coa xerencia, explican que neste momento as delegadas de prevención descoñecen “a análise causa-raíz (ACR) que tanto publicitou nos medios de comunicación o conselleiro tras a agresión. E pasados os días, o único que queda de manifesto é que unha das causas desta agresión e de futuras que poida haber, é a neglixencia por parte da xerencia e a consellería en materia preventiva e a súa incapacidade de xestión”.

“Esta parálise na toma de decisións non pode continuar por máis tempo, urxen medidas de prevención e protocolos de actuación”, asevera a xunta de persoal. Reclaman dotar de áreas de atención adecuadas e do persoal suficiente, “xa que a falta de medidas non é só en urxencias senón que é extensíbel ás áreas de hospitalización dos hospitais e aos centros de atención primaria, onde esta xerencia xa normalizou as agresións e deixa as/os profesionais sen medios e sen medidas para desenvolver a súa actividade diaria”.

Insisten en que cómpre evitar que acontezan situacións de risco e polo tanto hai que previr, pero “o que estamos a comprobar nestes 50 días é intentar tapar, non investigar e non escoitar ás persoas que traballan todos os días e están a pé de cama”.

Volver