Modificación do Estatuto Marco do Persoal dos Servizos de Saúde

CIGSaúde non apoia a modificación que ten previsto aprobar o Consello de Ministros do martes 5 de xullo de 2022.

  • Sanidade Pública
  • Taxa de reposición

CIG-Saúde defendeu durante a negociación un Novo Estatuto Marco que dera resposta real á situación do persoal da sanidade pública. Pola contra, a Administración sanitaria e o resto de organizacións Sindicais acordaron unha reforma parcial que só traslada as modificacións impostas pola normativa europea sobre a temporalidade.

A modificación acordada, por se propia, non estabiliza prazas nin moito menos crea novas prazas no sistema sanitario público, xa que so afecta á forma de contratación a partires da súa entrada en vigor.

O texto da modificación parcial do Estatuto Marco, que se ten previsto aprobar hoxe no Consello de Ministros será remitido despois ao parlamento para a súa tramitación mediante un "Proxecto de Real Decreto-lei” que modificará a actual Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

CIG-Saúde participou na negociación desta modificación no “Ámbito de Negociación”, equivalente á Mesa Sectorial no conxunto do Estado, no que están presentes, ademais de CIGSaúde, F.S.E.S. (SATSE+CESM), CCOO, UGT e CSIF.

CIG-Saúde defendeu durante a negociación desta proposta de modificación do Estatuto Marco que era preciso negociar un Novo Estatuto Marco que dera resposta real á situación do persoal da sanidade pública, con condicións propias e especificas do noso ámbito, e que nesa negociación foran incluídos necesariamente, entre outros, os seguintes temas:

  • sistema identificativo de prazas,
  • xubilación parcial e anticipada,
  • norma básica de carreira profesional para persoal estatutario fixo e estatutario temporal,
  • norma básica sobre permisos e sobre conciliación laboral e familiar,
  • sistema de información transparente que nos permita realizar comparacións globais das condicións de traballo entre os servizos de saúde,
  • revisión dos mapas de titulacións,
  • mapas de competencias e clasificación das distintas categorías,

Pola contra, a Administración sanitaria e o resto de organizacións Sindicais con representación no “Ámbito de Negociación”, acordaron unha reforma parcial que se limita a trasladar ao Estatuto Marco as modificacións impostas pola normativa europea sobre a temporalidade nas administracións públicas.

A modificación acordada, por se propia non estabiliza prazas nin moito menos crea novas prazas no sistema sanitario público, xa que so afecta á forma de contratación a partires da súa entrada en vigor. Tampouco garante que a situación de temporalidade actual non se repita co paso dos anos ao manter unha taxa para a reposición de efectivos que pode mudar cada goberno.

A reforma parcial remata coa denominación de persoal eventual e establece unha duración máxima de tres anos para calquera contrato temporal na sanidade pública, agás situacións recollidas expresamente na norma, obrigando a convocar esas prazas para que sexan ocupadas por persoal estatutario fixo, mediante concurso de traslados e ofertas públicas de emprego (OPEs).

O persoal que resulte cesado aos tres anos non terá dereito a indemnización, que so se producirá no caso de que se incumpran os prazos de cese e este se produza máis alá dos tres anos, nos casos non contemplados da norma.

Entre os acordos asinados no “Ámbito de Negociación” se inclúe un compromiso de abrir a negociación de novas modificacións do Estatuto Marco nun prazo de 3 meses, que terían que finalizar en 6 meses prorrogables.

Veremos nos próximos meses se hai vontade real de abrir esa negociación e que temas se inclúen nela. Non é un bo sinal que o acordado so estableza data de inicio dunha negociación sen compromiso de materias a tratar e sen límite final real da negociación.

Volver