Na atención primaria chove sobre mollado

CIG Saúde esixe que se acometan as reformas estruturais que a Atención Primaria necesita

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

A atención sanitaria á pandemia da COVID-19 non pode ser excluínte do resto da asistencia sanitaria que precisa a poboación.

Ás persoas que traballan en Atención Primaria sábeno e están facendo esforzos importantes para controlar a pandemia, co seguimento dos casos positivos que están nos domicilios, co rastrexo de contactos, coa solicitude de probas e información de resultados, etc. E tamén para manter o seguimento de enfermos crónicos e dar resposta ás necesidades asistenciais da poboación.

Pero a Atención Primaria xa partía dunha situación de sobrecarga e falta de recursos antes da pandemia. Na Atención Primaria chove sobre mollado!

E as novas necesidades agudizaron os problemas, o incremento das consultas telefónicas, necesarias para evitar a diseminación do virus SARS.CoV-2 entre a poboación máis vulnerable, puxeron de manifesto que as áreas administrativas dos centros tiñan uns recursos materias e humanos insuficientes, non hai persoal que poida contestar os teléfonos, e en moitos casos non hai nin teléfonos para contestar.

E o persoal de medicina de familia e de enfermaría ten as axendas cheas de citas para actividades que antes non realizaban e non teñen tempo para poder citar presencialmente nun prazo razoable ás persoas que o necesitan.

A Consellería de Sanidade centrou o seguimento da COVID-19 na Atención Primaria sen dotala de recursos para manter o seguimento do resto das necesidades sanitarias da poboación.

E está consentindo que se transmita á opinión pública que a situación xerada na Atención Primaria é responsabilidade dxs profesionais.

A CIG-SAÚDE esixe que, de inmediato, a Consellaría de Sanidade acometa as reformas estruturais que a Atención Primaria necesita. Reformas nas que hai consenso entre todos os sectores: profesionais, sindicais, asociacións e sociedades científicas.

O traballo xa está feito, as solucións que necesita a Atención Primaria para dar resposta á situación actual de pandemia, sen deixar de atender ao resto de patoloxías, están recollidas nas propostas que os grupos profesionais fan chegar á Administración. Só falta que escoiten e as poñan en funcionamento.

Medidas tan doadas como:

• Incrementar o número de profesionais. Dotar á Atención Primaria de todos os colectivos profesionais para garantir unha asistencia integral e integrada.

• Por en marcha as carteiras de servizo de todxs xs profesionais. A Consellaría de Sanidade prefire ter profesionais inutilizados, antes de que fagan un bo traballo.

• Reformar as Áreas Administrativas, escoitando as propostas do colectivo, e non só dotándoas de máis liñas telefónicas incapaces de atender.

• Desenvolver o mapa de competencias da enfermería, e dotar os centros de saúde do persoal de enfermería necesario.

O dereito dxs profesionais a traballar en condicións dignas, que permitan por o seu coñecemento a disposición das necesidades da poboación, e o dereito da poboación a recibir unha asistencia sanitaria pública e de calidade, non poden seguir secuestrados pola ineptitude da Consellería de Sanidade.

Desde CIG-SAÚDE imos mobilizarnos até conseguir mudar esta situación.

Volver