NON o decretazo
- Santiago
Neste sábado 4 de abril escenifícase na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza a posta en marcha do chamado Decretazo, polo que se amplía o horario dos PACs para prestar asistencia sanitaria os sábados desde as 08:00 h ata as 08:00 h do domingo.
Esta medida xerou un profundo malestar entre o persoal dos PACs, que xa se fixo visible na concentración diante do SERGAS o pasado venres 27 de marzo, coincidindo coa reunión da Mesa Sectorial. Cómpre lembrar que a modificación do Decreto 172/1995, do 18 de maio, aínda non foi publicada oficialmente e permanece unicamente no Portal de Transparencia.
Na Mesa Sectorial do 27 de marzo, a Secretaría Xeral Técnica asegurou por activa e por pasiva que a medida non entraría en vigor ata o 1 de xuño. Porén, a Xerencia de Xestión de Santiago e Barbanza decidiu adiantar a súa aplicación ao 4 de abril, facendo caso omiso das indicacións do SERGAS e converténdose en “pioneira” na implantación da medida e na procura de “méritos” diante da Consellería de Sanidade.
Como consecuencia, os centros de saúde que ata agora mantiñan actividade asistencial os sábados pola mañá —e que non pertencen ao ámbito PAC— serán pechados, centralizando a atención nos PACs de referencia.
Deste xeito, concellos como Carnota, Outes, Teo, Concepción Arenal, Oroso, Porto do Son ou Mazaricos verán pechados os seus centros os sábados pola mañá, derivando toda a asistencia aos PACs correspondentes.
Todo isto realizouse, ademais, sen ningún tipo de comunicación previa á representación das persoas traballadoras, que entendemos debería ter sido informada antes da toma e aplicación dunha decisión desta relevancia e non sendo debidamente informada a propia a poboación que ve dificultada o acceso á asistencia sanitaria.
Unha vez máis, queda en evidencia a falta de capacidade de xestión dos Recursos Humanos desta Área Sanitaria.
Dende CIG-Saúde, seguimos mantendo as xornadas de Folga dos días 9 e 23 Abril, e seguiremos a loitar por unhas condicións de traballo dignas e unha atención sanitaria de calidade.
Últimas novas