O agradecemento da Xerencia é a IMPOSICIÓN
CIG-Saúde denuncia o “agradecemento” da Xerencia da Coruña impoñendo aos profesionais da área os permisos covid-19
- A Coruña
O SERGAS acorda o pasado 25 de novembro, un plan de contixencias en mesa sectorial pactado con varias organizacións sindicais. No devandito plan recóllese, entre outros, o desfrute de máximo 3 días Permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario.
Desde o 25 de novembro ate o de agora esta Xerencia non permitiu o desfrute de ningún destes días recollidos no plan. Esta semana, notificase ao persoal das UCIs que pode exercer o desfrute aos días, iso si, cando marca a Xerencia, e cunha antelación case de hoxe para mañá.
Despois de duros meses de pandemia así é como agradece a Xerencia o traballo das/os profesionais, “impoñendo” o que parecía ser un “dereito”.
Queda no “limbo” que pasa co resto das/os profesionais das unidades e centros aos que lles corresponde o permiso, que plan se prevé?, cando van poder as/os profesionais desfrutar dos días?
A Xerencia desde novembro aínda está pensando que unidades/centros e profesionais teñen dereito ao permiso.
É difícil entender que a Xerencia sexa incapaz de organizar e garantir o desfrute destes días de permiso covid.
En definitiva só existe improvisación e o único que se aprecia é que a Xerencia non ten intención de conceder este permiso ao conxunto das/os profesionais da área sanitaria.
Desde CIG-Saúde Coruña vimos durante meses denunciando este acordo, xa que deixa moitas incertezas que permiten estas actuacións das Xerencias; ademais de un trato desigual entre as/os profesionais que tanto están a aportar nestes momentos tan difíciles.