O colapso do Centro de Saúde de Escairón: a falta de persoal deixa a atención médica baixo mínimos

O centro so conta de forma efectiva cunha facultativa a xornada completa

  • Monforte

CIG-Saúde Monforte quere denunciar a insostible situación de precariedade e desmantelamento que sofre o Centro de Saúde de Escairón, cun servizo baixo mínimos debido á nefasta xestión de Dirección de Atención Primaria de Lugo.

O centro de saúde conta “teoricamente” cun cadro de persoal de tres médicos/as de familia e unha pediatra, ao que hai que engadir 3 profesionais de enfermería e 2 de persoal de administración. Con todo, a realidade asistencial actual é a seguinte:

PRAZA EN PROPIEDADE: só hai unha profesional de medicina de familia.

UNHA PRAZA VACANTE SEN CUBRIR: Desde febreiro de 2026, unha das prazas de médico titular en Escairón atópase vacante tras a renuncia da súa adxudicataria. Na actualidade o cupo de pacientes é cuberto normalmente todos os días da semana por un mesmo médico de familia a través de prolongacións de xornada de 4 horas.

UNHA BAIXA DE LONGA DURACIÓN SEN SUBSTITUTO FIXO: Para agravar a situación, o médico que inicialmente cubría a baixa desta facultativa foi trasladado a finais de febreiro DO 2026 por orde de Dirección de Atención Primaria de Lugo para cubrir Centro de Saúde de Pantón, deixando ao Centro de Saúde de Escairón desamparado e na actualidade o terceiro cupo de pacientes é atendido algúns días alternos por prolongacións de xornada e en moitas ocasións por distintos/as facultativos/as.

SERVIZO DE PEDIATRÍA: O municipio de Saviñao conta cun servizo de pediatría que atende ás crianzas menores de 15 anos os luns e os xoves. Os demais días pasa consulta nos seguintes Concellos: mércores en Bóveda/Pobra de Brollón e os martes e venres en Quiroga. O Servizo de Pediatría de Pobos atende a máis de 1000 cativos e cativas cunha media de nacementos de 3 nenos/as ao mes e con axendas en Centros de Saúde que poden superar a media de máis de 25 nenos/as cada día. Pero dende o martes 26 de maio do 2026 a pediatra itinerante colleu a baixa e seguramente sexa un proceso de longa duración.
A día de hoxe a solución facilitada por Dirección foi: derivar a semana que ven ás crianzas do Concello de Saviñao… a ausencia prolongada da especialista cubrirase só con prolongacións de xornada puntuais, unha medida que cualificamos de parche totalmente insuficiente.

RESUMINDO A SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DE ESCAIRÓN: moitos días só hai dous médicos/as no Centro de Saúde e que durante 3 horas moitos días da semana hai só unha profesional médica que atende a unha poboación de máis de 2500 pacientes. E o Servizo de pediatría derivado ao Centro de Saúde de Chantada 4 horas con prolongacións de xornada en quenda de tarde e improvisando sobre a marcha abrindo axendas segundo a dispoñibilidade dos profesionais de pediatría.

Esta falta de previsión por parte de Dirección de Atención Primaria e de persoal non só satura ao único médico dispoñible a xornada completa, senón que penaliza directamente aos veciños e veciñas de Escairón e os/as cativos/as desta localidade, quen sofre demoras nas citas, cambios continuos de facultativo/a e unha falta de continuidade asistencial. . As prolongacións de xornada non son unha solución estrutural. Son un parche que demostra a incapacidade da administración para dotar ao centro de persoal fixo e estable. Non se pode soster a sanidade pública a costa da saúde dos/as seus/úas traballadores/as.

Como Organización Sindical demandamos a Dirección de Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: A cobertura urxente da praza vacante de médico de familia dende febreiro do 2026 mediante un nomeamento estable e a asignación inmediata de substitutos/as fixos/as e continuados para as prazas da médica de familia e profesional de pediatría intinerante en situacións de baixa .

Pero tamén queremos denunciar a situación límite e de extrema gravidade que atravesa a atención sanitaria na Zona Sur da provincia de Lugo, debido a unha perentoria falta de profesionais médicos/as na Atención Primaria, a pesar que en xuño do 2026 hai a previsión de incorporación a plantilla de 3 médicas que finalizaron a súa formación MIR Non estamos ante un problema puntual, senón ante unha crise estrutural que pon en risco a equidade do sistema sanitario público. Podemos destacar a día de hoxe problemáticas en Centros de Saúde coma poden ser:

CONCELLO DE FOLGOSO DE CAUREL: conta cun Centro de Saúde e un Consultorio e dende o verán do ano pasado só hai unha médica para as dúas Unidades de Atención Primaria. A días alternos pode ser atendido por prolongacións de xornada de 4 horas. Iso supón que moitos días só haxa unha profesional en na UAP de Folgoso.

POBRA DE BROLLÓN: na actualidades só hai unha médica de familia de dous médicos de cadro de persoal que debería haber. Esta situación leva tempo alargándose no tempo, falando incluso de anos. No 2026 a segunda praza de médico de atención primaria estivo atendida dende mediados de febreiro ata finais de abril do 2026, e a día de hoxe non hai visos de cobertura estable por unha praza de médico de familia, a pesar que o Xerente Don Ramón Ares comprometeuse en varias ocasións a cobertura desta praza este Concello. O segundo cupo baleiro é atendido en moitas ocasións pola profesional médica do Centro de Saúde que fai prolongacións de xornada.

QUIROGA: O Centro de Saúde de Quiroga conta cunha plantilla de 3 facultativos e días pasados só había un profesional de cadro de persoal e moitos días unha prolongación de xornada de 4 horas, estando o profesional 3 horas como único facultativo no Centro de Saúde, e algún día permaneceu só para atender a unha poboación de máis de 3200 pacientes. Estes feitos non son illados. Ten acontecido en máis ocasión que a Unidade de Atención Primaria de Quiroga queda atendida por só un/ha facultativo/a.

Con estes datos estamos a demostrar que a situación dos Centros de Saúde na Zona Sur de Lugo é crítica e, lonxe de ser un feito illado ou puntual, converteuse nun problema estrutural crónico que está a desmantelar a atención primaria na comarca. Pero en breve a situación empeorará drasticamente nas próximas semanas ante a negativa de Dirección de Atención Primaria a cubrir as vacacións dos profesionais sanitarios, o que deixará aos Centros de Saúde
da Zona Sur de Lugo baixo mínimos e cunha poboación de pacientes desprazados nas localidades que se duplicará o incluso triplicarase nos meses de xullo e agosto.

Volver