O contaxio por COVID volve ter a consideración de accidente de traballo para o persoal dos centros sanitarios e dos centros socio-sanitarios
- Coronavirus
- Sanidade Pública
Co remate do estado de alarma decaeron todas as normas ditadas ao abeiro deste estado, entre elas o artigo 9 do R/D 19/2020 que recollía a consideración de accidente laboral o contaxio por COVID. Coa anulación deste decreto, o persoal tería que demostrar que o contaxio por COVID se producira no centro de traballo, senón sería tratado como I.T común.
O consello de Ministros rectificou, volveu recoñecer esta protección ao persoal, aínda que esta medida segue a ser insuficiente.
O BOE publica o Real Decreto Lei 27/2020, do 4 de agosto , que na disposición adicional oitava recolle:
Prórroga do artigo 9 do Real Decreto-lei 19/2020, de 26 de maio, polo que se adoptan medidas complementarias en materia agraria, científica, económica, de emprego e Seguridade Social e tributarias para paliar os efectos da COVID-19. A consideración como continxencia profesional derivada de accidente de traballo das enfermidades padecidas polo persoal que presta servizo nos centros sanitarios e socio-sanitarios como consecuencia do contaxio do virus SARS-CoV2, aplicarase, aos contaxios do virus SARS-CoV2 producidos desde o 1 de agosto de 2020 até que as autoridades sanitarias levanten todas as medidas de prevención adoptadas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, acreditando o contaxio mediante o correspondente parte de accidente de traballo que deberá ser expedido dentro do mesmo período de referencia.
Para a CIG-SAÚDE esta medida é claramente insuficiente, o contaxio por COVID debería ter a consideración de enfermidade profesional, e así o seguiremos a demandar.
Tamén insistiremos para que:
- Este Real Decreto teña carácter retroactivo, non pode quedar ningún período de tempo sen cubrir.
- Que se aplique a normativa da Seguridade Social para que as retribucións se incrementen do 30 ao 50%.
- Que o persoal perciba íntegras as súas retribucións incluídas as correspondentes á atención continuada: noites, festivos, gardas…
Desde CIG-SAÚDE imos preguntar ao SERGAS cal foi a consideración da I.T ao persoal que deu positivo durante o período que non estivo vixente o R/D 19/2020. E esixiremos que todas as I.T por COVID se tramiten como accidente laboral.