O Goberno do Estado insiste en manter a taxa de reposición para convocar outro concurso de méritos de estabilización
- Sanidade Pública
- Taxa de reposición
CIG-Saúde defende a estabilización do persoal da sanidade pública coa convocatoria de todas as prazas vacantes e de todas as categorías.
Agora autoriza unha taxa adicional para prazas que seguen con persoal temporal tras ofertarse en OPEs previas ás convocatorias da lei 20/2021.
Para CIG-Saúde esta taxa adicional complica máis o proceso de estabilización e crea mais desigualdades no acceso ao emprego público.
CIG-Saúde defende que hai que eliminar a taxa de reposición como ferramenta de xestión dos recursos humanos e que se deben analizar as necesidades de profesionais da sanidade pública e establecer un cronograma de convocatorias de prazas estables para dar resposta a esas necesidades.
A Lei 20/2021 de medidas para reducir a temporalidade, autorizaba á Administración pública a convocatoria de prazas a través de concurso de méritos ou de concurso-oposición.
Todos os procesos de estabilidade de concurso-oposición coma de concurso de méritos están publicados, e teñen ata o 31 de decembro de 2024 para resolverse. No SERGAS a maioría non ten nin realizado o exame de oposición.
Agora o Goberno a través do Real Decreto-lei 5/2023, de 28 de xuño, autoriza unha taxa adicional para que poidan ser convocadas prazas a través do concurso de méritos recollido na lei 20/2021.
Queren así que aquelas prazas estruturais que seguen ocupadas por persoal temporal, desde antes do 2016, e que non foron ofertadas nos procesos de concurso de méritos da lei 20/2021 de estabilidade, por estar afectadas por convocatorias de OPE anteriores, poidan ser ofertadas cos criterios da lei 20/2021.
Estas ofertas de emprego con esta taxa adicional terán que aprobarse antes do 31 de decembro de 2023, e resolver as convocatorias antes do 31 de decembro do 2024.
Basta xa de complicar as cousas!
Rematemos xa coa taxa de reposición!