O Hospital de Monforte denégalle o dereito a gozar as vacacións ao persoal de enfermería

A precariedade na contratación aplicada polo SERGAS leva a que non haxa traballadoras/es nas listas

  • Monforte

A sección sindical da CIG no Hospital Público de Monforte quere denunciar que a dirección do centro lle está a denegar ao persoal de enfermería o dereito ao goce das vacacións, alegando que non hai enfermeiras/os nas listas de contratacións para cubrir as ausencias. Este é un exemplo das consecuencia da política laboral de precarización na contratación aplicada polo SERGAS nos últimos anos e do "maltrato permanente da anterior dirección de enfermería", que levaron a que o persoal marchara para outras áreas sanitarias e mesmo para Ponferrada.

O delegado da CIG, Vicente Vázquez, explica que o pasado 27 de abril, a dirección do hospital reuniu a Xunta de Persoal para comunicarlle que non había enfermeiras na lista de contratacións e que ía ser moi difícil poder darlle ao persoal as vacacións nas datas que lle tocaba e que probablemente non puideran coller un mes.

"Todo isto dito de palabra, sen tan sequera facer unhas instrucións por escrito para que así as traballadoras/es non teñan defensa, presionando mediante as supervisoras para que colleran unha quincena das que quedaban ou senón quedaban sen vacacións. O persoal de enfermería é o que máis leva loitado na primeira liña contra a Covid-19 e así llo pagan", denuncia.

A este respecto, critica que despois do esforzo realizado, "agora obrigan a este persoal a coller as vacacións cando o hospital quere e non cando lle correspondía pola súa rotación", cando noutros centros da mesma EOXI como Lugo ou Burela "non teñen ningún problema para pedir as vacacións". Ademais, Vázquez denuncia que varias das traballadoras tentaron meter por rexistro a petición da vacacións e dende o hospital impedíronllo. "Cambia a dirección pero seguen os malos hábitos", conclúe.

Volver