O Ministerio de Sanidade discrimina ás persoas afectadas por COVID-19 nas probas de acceso á formación sanitaria especializada

  • AgEnfermeira
  • AgMédica
  • Sanidade Pública

O pasado mes de decembro de 2020, CIG-Saúde remitiu un escrito ao Ministerio de Sanidade solicitando que se tomasen as medidas necesarias para que as persoas aspirantes á realización das probas de acceso para o ano 2021 a prazas de formación sanitaria especializada, non fosen excluídas polo feito de estar illado por ser contacto estreito ou caso confirmado de COVID-19.

O Ministerio de Sanidade pola contra, publica na súa páxina web unhas Instrucións COVID-19 para probas selectivas FSE nas que impide o acceso ás probas no caso de:

• SINTOMAS COMPATIBLES con COVID-19.
• CASO CONFIRMADO.
• CONTACTO ESTREITO dun caso sospeitoso, probable ou confirmado.
• POSITIVIDADE a unha proba diagnóstica de COVID-19.

Para CIG-Saúde o Ministerio de Sanidade está a vulnerar o dereito á igualdade e á non discriminación ao non habilitar nas instrucións, os mecanismos necesarios para que as persoas aspirantes poidan acceder en igualdade de condicións, a unhas probas de acceso a prazas de formación sanitaria especializada que tanto esforzo supoñen.

Se te atopas nunha destas circunstancias e o vindeiro sábado 27 de marzo non vas poder acudir ás probas MIR/EIR/PIR/BIR... para o ano 2021, diríxete ao local sindical de CIG-Saúde para presentar a correspondente reclamación.

Volver