O novo estatuto marco. Unha oportunidade perdida?
- Sanidade Pública
- Xornada
O Ministerio de Sanidade convoca unha nova reunión, o día 22 de xaneiro, para continuar coa negociación do novo ESTATUTO MARCO (EM). Por primeira vez remite un texto completo como proposta para negociar.
O documento presentado non cumpre coas pretensións que CIG-Saúde defende desde que se iniciou esta negociación:
XORNADA:
CIG-Saúde demanda que o EM regule a xornada máxima (ordinaria + atención continuada ou complementaria) a realizar e se regule, de maneira clara, o réxime de descansos; tamén a exención de quendas nocturnas para as persoas maiores de 55 anos.
CLASIFICACIÓN PROFESIONAL:
Para CIG-Saúde esta negociación é a oportunidade para incorporar unha clasificación profesional adaptada ás e aos profesionais da sanidade pública e non unha mera translación do Marco de Cualificacións vixente.
Demandamos que o novo EM incorpore unha clasificación propia, que recoñeza os requisitos de titulación, a formación sanitaria específica e a prestación do traballo que se realiza, e estableza un réxime extraordinario de adaptación da situación actual aos novos requirimentos. REXIME RETRIBUTIVO:
Novo réxime retributivo adaptado á nova clasificación profesional, que contemple as pagas extras completas con todos os conceptos, incluída a Carreira Profesional; e o pago da atención continuada durante os períodos de incapacidade temporal.
XUBILACIÓN:
Defendemos que no novo EM debe figurar a regulación básica da xubilación voluntaria total, parcial, e anticipada, e exiximos que a negociación da xubilación do persoal estatutário se produza no seu ámbito de negociación e que figure expresamente recollida no EM.
CIG-SAÚDE SEGUIRÁ DEMANDANDO O ESTATUTO MARCO QUE PRECISA A SANIDADE PÚBLICA