O persoal da sanidade privada manifestarase o día 8 no Hospital San Rafael por un convenio digno

  • Sanidade Privada

O persoal da sanidade privada continuará o próximo mércores, 8 de novembro, coas mobilizacións para exixir un convenio colectivo digno con salarios xustos. Desta volta, as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha manifestación que sariá ás 11:00 horas do Hospital San Rafael da Coruña. Aínda que nun primeira momento a mobilización estaba prevista para o xoves 2, ante a alerta meteorolóxica, as centrais acordaron mudar a data.

A CIG-Saúde denuncia que dende o primeiro momento, a patronal está poñendo atrancos no avance das negociacións, propoñendo incluso recortes en dereitos básicos xa conseguidos como o actual plus de antigüidade ou percibir o 100% do salario no caso de baixa. Logo das mobilizacións realizadas polo sector nos últimos meses, na véspera da reunión da mesa prevista para o día 25, a patronal remitía un correo electrónico comunicando a suspensión da xuntanza "debido ás novas publicadas sobre as modificacións ao ET pactadas entre PSOE e SUMAR que impactarían directamente nas materias que nos atopamos negociando."

A CIG-Saúde considera este feito gravísimo "e unha verdadeira ofensa á integridade dos dereitos da persoas traballadoras. Atopámonos ante a última gran xogada da patronal: suspender a negociación por un acordo dunha 'posíbel' investidura dun goberno que 'nun futuro' aprobe unha lei que modifique a xornada e incremente o SMI".

Para a central nacionalista esta non é máis que outra escusa para dilatar a negociación e insta a patronal a sentar de inmediato para avanzar nun acordo. Lembra que, entre outras materias, estase pelexando para que o convenio recolla un incremento salarial significativo que poña fin a continua perda de poder adquisitivo, así como a redución da xornada anual. "Son temas irrenunciábeis, aos que temos que sumarlle o pago dos festivos traballados ou unha nova regulación dos permisos retribuídos entre outras materias".

O convenio de sanidade privada da provincia da Coruña regula grandes hospitais como o San Rafael, o Quirón, o Juan Cardona ou La Rosaleda, mais tamén clínicas de fisioterapia, dentais, centros estéticos ou laboratorios clínicos. Como non se actualizou, seguen figurando moitos dos salarios con cantidades inferiores ao SMI, e ademais contempla a xornada anual máis alta do sector.

Da patronal teimar na parálise negociadora, as organizacións sindicais xa avanzan que intensificarán as mobilizacións non descartando ningunha medida de presión.

Volver