O persoal dos centros sanitarios volve a perder a consideración de accidente de traballo no caso de contaxiarse pola COVID-19

  • Sanidade Pública

A partir de hoxe o persoal dos centros sanitarios volve a perder a consideración de accidente de traballo no caso de contaxiarse pola COVID-19.

Durante o estado de alarma, a través do RDL 19/2020, tíñase en  consideración como continxencia profesional derivada de accidente de traballo, as enfermidades padecidas polo persoal que presta servizo en centros sanitarios ou socio-sanitarios como consecuencia do contaxio do virus SARS-CoV2.

Pero o estado de alarma rematou o pasado 21 de xuño, e non foi ata o BOE do 5 de agosto no que a través do RDL 27/2020 se corrixía temporalmente este abandono do persoal dos centros sanitarios, prorrogando o recollido do RDL 19/2020 no referente a esta cuestión.

Pero onte, o Parlamento español non aprobou ese RDL 27/2020 e hoxe publícase no BOE a súa derrogación.

Con isto, unha vez mais, o persoal dos centros sanitarios que nos estamos enfrontando todos os días ao COVID-19 nos vemos novamente abandonados pola incompetencia do Parlamento español.

Dende CIG-Saúde esiximos que dunha vez por todas se recoñeza de forma definitiva como continxencia profesional derivada de accidente de traballo, as enfermidades padecidas polo persoal que presta servizo en centros sanitarios ou socio-sanitarios como consecuencia do contaxio do virus SARS-CoV2, e que se publique nunha norma propia en lugar de incorporalo en normas que nada teñen que ver coa sanidade.

O persoal dos centros sanitarios non somos títeres, esiximos estar e sentirnos seguros no desempeño do noso traballo.

Volver