O persoal investigador alerta da ‘fuga de cerebros’ de Galiza pola falta de estabilidade e de dereitos
Denuncia que investigadoras/es de proxectos relacionados coa covid traballan sen sequera convenio
- Institutos investigación
- Sanidade Pública
Representantes da Plataforma Galega de Traballadores/as de Investigación Sanitaria de Galiza (PLAGTIS), conformada polos comités de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS); da Fundación Profesor Novoa Santos (FPNS) e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), que abrangue a grande parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galiza, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a paralización das negociacións do seu convenio laboral.
As negociacións iniciáronse formalmente en maio do ano 2019 e, ano e medio despois, conseguiron que se pecharan 5 capítulos completos, quedando as negociacións suspendidas no verán do 2020 debido ao período vacacional e ao tempo necesario para a constitución do novo goberno galego.
Porén, a composición inicial da mesa de negociación viuse alterada porque o representante dunha das Fundacións, Julio García Comesaña, actualmente Conselleiro de Sanidade, debía nomear a partir de aí á persoa a substituílo na mesa negociadora.
Os Comités de Empresa atópanse así, desde o mes de xuño, á espera dunha data de reunión para a reactivación da mesa e para iso xa teñen enviado varias cartas á Consellería de Sanidade. A resposta ten sido favorable, pero non concreta respecto á data de convocatoria da mesa de traballo.
Dignificación das súas condicións
Os temas pendentes agora na negociación son cruciais: estabilidade laboral, réxime retributivo e a garantía de que o ámbito de aplicación sexa aberto á totalidade das persoas contratadas a través das fundacións.
A este respecto Mabel Sampedro, da Fundación IDIS, sinalou que levan máis de ano e medio negociando e que agardaban expectantes unha convocatoria que non chega, polo que “nos vemos na obriga de tomar medidas de presión e denunciar, unha vez máis, esta situación”.
Entenden que a pandemia está complicando a xestión sanitaria, pero “para nós significa un atraso considerable para poder dicirlles aos compañeiros e compañeiras que temos un convenio colectivo que por fin dignifica a profesión de investigación en Galiza”, apuntou.
Sampedro matizou que actualmente non teñen ningún tipo de regulación. “Estamos reguladas polo Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e por tanto non hai unhas táboas salariais mínimas, non hai unha estabilidade laboral, nin hai unha serie de dereitos e deberes que debería recoller un convenio colectivo para xente que mesmo leva traballando máis de 18 anos para o sector”.
Teñen valorado iniciar mobilización e outro tipo de accións para protestar publicamente pola súa situación.
Fuga de cerebros
Alertou ademais da continua “fuga de cerebros” de Galiza e advertiu que “non podemos permitirnos que continúe, que a xente marche de traballar nas Fundacións de Investigación galegas porque as condicións laborais non son as axeitadas”.
Considerou, canda isto, que porén “é moi sintomático que a investigación, que é fundamental para o avance da ciencia ou para afrontar situacións como as que estamos vivindo agora”, estea nesta situación porque “cunha boa base investigadora hai moitísimas cousas que quizás funcionarían mellor”.
A investigación sanitaria, unha prioridade neste momento
Ezequiel Álvarez preguntouse, nun momento como este, no que estamos a vivir unha crise sanitaria “se isto non é prioritario, logo que o é?”. E afirmou que “non hai escusa para que non se convoque a mesa de negociación”.
Álvarez salientou que algunha das Fundacións ten mesmo máis de 20 anos, que hai xente que leva traballado todo ese tempo e que, porén, a día de hoxe, aínda non ten un convenio laboral. “Non é digno que non estean definidas as categorías profesionais, a carreira profesional que debe seguir un/ha investigador/a. Imos tarde e hai que apurar isto. Ten que estar resolto este ano e polo camiño que imos, a convocatoria da mesa segue demorándose”, lamentou.
Precarias/os investigando en covid
Margarita Poza, da Fundación Sanitaria da Coruña, salientou ademais que moito do persoal está en proxectos de investigación que teñen que ver coa covid-19. Por iso incidiu en que, aínda que todo é importante, “neste intre a investigación nesta materia é esencial”.
Por iso denunciou que “esa xente que está investigando en covid non ten condicións axeitadas. Está traballando sen convenio e sen unhas condicións dignas”.
O máximo interese da PLATGIS é iniciar este curso académico con novas forzas e completar o ciclo de negociacións necesario para acadar o mellor Convenio Colectivo posible para o persoal das fundacións de investigación sanitaria o antes posible, de maneira que poida entrar en vixencia a finais deste ano ou principios do 2021.