O persoal médico das urxencias hospitalarias galegas concéntrase o luns 19 de xaneiro para esixir a mellora das súas condicións laborais
- Sanidade Pública
As médicas e médicos das urxencias hospitalarias de Galiza concentraranse o luns 19 de xaneiro, ás 12.00 horas, nas portas dos servizos de urxencias dos hospitais galegos para reclamar a mellora das súas condicións laborais e denunciar a falta de vontade negociadora por parte da Consellería de Sanidade.
CIG-Saúde leva desde xaneiro de 2024 esixindo á Consellería a negociación e mellora do acordo que regula as condicións de traballo do persoal médico de urxencias. Nese mesmo mes, as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial, entre elas CIG-Saúde, asinamos un acordo para a revisión das condicións deste persoal en materia de xornada, descansos e retribucións. Pero dito acordo nunca chegou a materializarse.
Dous anos despois, e nun contexto de colapso dos servizos de urxencias, o persoal médico decide dar un paso adiante e plantarse, esixindo que se negocien dunha vez as súas condicións de traballo e se poña fin á situación de sobrecarga e precariedade que padecen.
Desde CIG-Saúde denunciamos a actitude da Dirección de Recursos Humanos do SERGAS, que de maneira reiterada adía e ignora a problemática das traballadoras e traballadores, actuando con desidia e desinterese. Esta situación está a provocar un crecente malestar entre os profesionais de todos os ámbitos do sistema sanitario público.
CIG-Saúde manifesta o seu apoio ás concentracións convocadas e insta á Consellería de Sanidade a abrir de inmediato un proceso de negociación real que dea resposta ás demandas do persoal médico de urxencias hospitalarias.
Novas Relacionadas
Últimas novas