O Sergas afonda na precarización do persoal eventual con contratación de 15 en 15 días

  • Sanidade Pública

A federación de Saúde da CIG denuncia que o Sergas está a afondar na precarización das condicións laborais do persoal eventual ao ofrecer vínculos que concatenan bloques de 4, 6 ou 8 meses, pero asinando contratos de 15 en 15 días. “Estas/es profesionais non teñen dereitos, nin tan sequera dereito a enfermar, xa que quen non se poida incorporar no seu primeiro día de contrato, aínda que sexa por accidente laboral ou por enfermidade común, perde o resto de contratos aos que estaba vinculada/o”.

Esta decisión unilateral das direccións de recursos humanos para facerlle fronte ás necesidades de persoal sanitario de cara ao verán deixa as profesionais en total indefensión, “xa que nin sequera se lles permite enfermar se queren seguir mantendo o seu bloque de contratos”. Porque unha vez que este persoal non pode incorporarse o primeiro día de cada bloque, xa sexa por accidente laboral ou por enfermidade común, perden o contrato aceptado.

Por iso dende a central censuran que “logo o Sergas se queixa constantemente da falta de profesionais eventuais para cubrir ausencias (vacacións, incapacidades temporais ou outro tipo de necesidades), pero a realidade é que levamos anos denunciando a precariedade laboral á que están sometidas uns profesionais fundamentais para o funcionamento do sistema sanitario”.

Volver