O SERGAS conxela a retribución das gardas, festividade e nocturnidade ao persoal da sanidade
A suba salarial do 2% correspondente ao ano 2024 non se aplicará nestes complementos
- Sanidade Pública
A suba salarial do 2% acordada por CCOO e UGT a nivel estatal correspondente ao ano 2024, que non compensa a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público, non se aplicará sobre os valores actuais dos conceptos de garda, festividade, nocturnidade e PRD (Quendas).
O acordo retributivo do 20 de abril de 2023 recollía un incremento retributivo para o ano 2023 e outro para o ano 2024 nos conceptos de garda, festividade, nocturnidade e PRD (Quendas).
Xa no mes de outubro de 2023, a CIG-Saúde denunciamos que a suba salarial do 0,5% non se aplicaría nestes conceptos, e agora unha vez máis estes complementos permanecerán conxelados durante todo o ano 2024 sen que se lles aplique esta suba do 2% nin a posible suba do 0,5% que puidera haber a final de ano.
CIG-Saúde esiximos ao goberno da Xunta que asuma a aplicación da suba do 2 % aos valores acordados o 20 de abril de 2023.
CIG-Saúde, como asinantes do acordo do 20 de abril, en ningún momento asumimos que non serían de aplicación sobre estes complementos as subas salariais correspondentes.
É inaceptable que a Xunta amortice parte do acordo retributivo do 20 de abril de 2023 non aplicando esta suba salarial, que xa era insuficiente para compensar a perda retributiva dos últimos anos.