O SERGAS deixa sen contrato ao persoal que contrae o COVID-19, durante a baixa por IT, en plena emerxencia sanitaria
CIG- Saúde: “Este é o recoñecemento do SERGAS ao persoal temporal, a precariedade laboral”
- Coronavirus
- Sanidade Pública
- Selección Temporal
Apesares da situación de pandemia que se está a vivir na sanidade e do traballo que hai nas unidades chamadas de COVID, o SERGAS segue a contratar ao persoal para estas unidades e resto de servizos por días, semanas ou por períodos curtos de tempo, en vez de facer un único contrato mentres dure a situación.
Así o asegura a CIG-Saúde, que denuncia ademais que o que está a facer SERGAS é non prorrogar o contrato do persoal temporal que traballa nas unidades de COVID, se están cunha baixa por incapacidade temporal (IT) por contaxio do virus. O que, segundo explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “no ámbito da privada chamariamos despido”.
Renovación de todos os contratos do persoal en IT
Por iso a CIG-Saúde exixe ao SERGAS que renove os contratos a todo o persoal en IT, o que segundo segundo Abuín, se pode facer “mediante un alta administrativa na Seguridade Social”. Un sistema que lembra que xa está acordado na mesa sectorial para os casos de baixa por maternidade.
A secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que xa custou traballo que o SERGAS utilizase a fórmula de alta administrativa para a maternidade, “mais non imos cesar até que isto tamén se aplique ao persoal eventual en I.T por contaxio”, asegura.
O paradoxal desta situación é que cando estas traballadoras e traballadores se recuperen do contaxio do virus, volverán a traballar con toda a intensidade que a situación require nas unidades de COVID, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública. “Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días”, denuncia.
Dobre penalización porque non computan nese período
Con esta medida, o SERGAS ocasiónalle unha penalización a estas persoas, xa que ao non ter vínculo laboral, o período de I.T non vai ser computado como servizos prestados a efectos de baremación nos procesos de selección temporal e de OPE.
“Este é o premio do SERGAS ao persoal temporal, se te contaxias do virus no desempeño do teu posto de traballo, penalización no recoñecemento dos servizos prestados, xa que estes só se bareman cando existen un vínculo laboral”, lamenta Abuín.
A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que di Feijoo que as/os traballadoras/es do SERGAS son heroes. “En toda historia hai heroes e viláns. Se as/os traballadores do SERGAS son heroes xa sabemos entón cal é o seu papel”.