O SERGAS denega permisos e impide a conciliación

CIG-Saúde solicitou que na Mesa Sectorial de mañá se aborde a situación derivada da falta de profesionais tamén no ámbito hospitalario

  • Sanidade Pública

CIG-Saúde solicitou á Dirección de RRHH do SERGAS que se aborde na Mesa Sectorial do próximo mércores 13 de xullo a situación de déficit de persoal existente e que leva a que as Xerencias actúen:

  • Denegando sistematicamente tódolos permisos, incluída a conciliación

  • Reducindo o ratio de profesionais nos centros, servizos e/ou unidades

  • Nos casos que retribúen as horas, que as/os profesionais fan a maiores da súa quenda de traballo, realízanse con cantidades incluso por debaixo do que deberan ser as horas de xornada.

O SERGAS non pode continuar con esta sistemática, hai categorías como enfermeiras que levan desde antes da pandemia sen poder desfrutar os permisos de libre disposición. As Xerencias condicionan o desfrute deses permisos a que haxa profesionais para cubrir, dándose situacións de concesión incluso no mesmo día da libranza.

As/os profesionais non poden seguir renunciando aos seus permisos, vacacións, conciliación e que o SERGAS non se pare a analizar a situación e tratar de buscar solucións.

Para CIG-Saúde ante a imposibilidade de profesionais para contratar e a necesidade de que as/os profesionais realicen xornada fora da súa quenda ordinaria, esta debera retribuírse, canto menos, segundo o valor hora acordado na mesa sectorial de 29 de xuño para “as prolongacións de xornada en atención primaria”.

Isto é:

  • Medicos/as de familia e pediatras: 51,64 €/hora

  • Enfermeiras: 33,80€/hora

Isto trasladaríase a tódalas categorías onde non haxa posibilidade algunha de contratación, na proporción que lle correspondese.

 

Volver