O SERGAS implanta o XIDE e convértese nun problema mais ca nun beneficio
CIG-Saúde entende que o XIDE non cumpre as condicións mínimas para a súa implantación no conxunto da Atención Primaria
- Ag Persoal non sanitario
- Atención primaria
- Sanidade Pública
O SERGAS implanta o protocolo de XESTIÓN INTEGRAL DA DEMANDA EN EQUIPO (XIDE) como unha ferramenta que ten por obxectivo regular a accesibilidade da poboación á Atención Primaria, dirixindo a demanda cara á/ao profesional que poida resolvela.
Algo que puidera parecer un sistema áxil e resolutivo, remata converténdose nun problema máis que nun beneficio.
Desde CIG-SAÚDE xa denunciamos, no Consello técnico de Atención Primaria, celebrado o 16 de febreiro de 2022 no que foi presentado, que as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSXs, e que ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación.
Nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiron as e os PSXs, funcións e programas que supoñen un importante valor engadido para o sistema sanitario, pero o tiveron que facer sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal.
Desde a Consellería de Sanidade se insiste en que o XIDE non é un sistema de triaxe. Para CIG-Saúde este é un tema central, ten que quedar claro que non estamos diante dunha triaxe encuberta.
Para CIG-Saúde o que ten que facer o XIDE é asignar unha cita para a consulta do profesional que mellor poida resolver a demanda da persoa usuaria, respectando sempre a vontade da persoa que fai a demanda de comunicar ou non o motivo de consulta e respectando tamén o criterio de demanda urxente en función das definicións aceptadas internacionalmente. E todo isto hai que facelo garantindo o dereito á privacidade e confidencialidade.
A definición de urxencia médica máis aceptada é a proposta pola Asociación Médica Americana (AMA), subscrita pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Consello de Europa:
"Urxencia é a aparición dun problema de etioloxía diversa e gravidade variable que xera a vivencia de necesidade inmediata de atención no propio paciente, na súa familia ou en quen queira que asuma a responsabilidade".
Esta definición, asumida en España polos expertos en urxencias da Comisión de Análise e Avaliación do Sistema Nacional de Saúde (CAESNS), traslada ao paciente a decisión de definir un problema de saúde como urxente e esa solicitude de consulta urxente sempre ten que ser avaliada por profesionais sanitarios.
CIG-Saúde entende que o XIDE non cumpre as condicións mínimas para a súa implantación no conxunto da Atención Primaria. Nin neste momento, coa versión actual, nin moito menos coas modificacións que pretenden introducir nos próximos días, que obrigan a recoller o motivo da consulta.