O SERGAS improvisa un plan para atención primaria baleiro e sen rigor

  • Atención primaria
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

As OOSS da Mesa Sectorial solicitamos unha Mesa Sectorial cunha serie de puntos na orde do día entre os que ía o Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria.

O que fixo o SERGAS foi presentar un documento sen rigor, sen datos contrastados e sen unha análise real da situación. Non presenta un Plan, trata de vender fume!

Unha exposición improvisada con cifras sen base e sen unha mínima planificación, coa única intención de xustificar a súa falta de previsión e tapar a crise que eles mesmos provocaron.

O SERGAS fala da dispoñibilidade de médicas/os de familia e pediatras nos vindeiros anos, pero nin sequera é quen de facer unha análise seria do resto do persoal que traballa na sanidade nin das necesidades reais da poboación galega.

Chega cun texto que denomina “Liñas de actuación de RRHH en atención primaria medidas”, mais o único que trae é un guión de intencións baleiras, sen negociación, sen calendario e sen compromiso ningún.

Un documento que non busca mellorar o sistema, senón impoñer un novo modelo precarizado, fragmentado e afastado da realidade asistencial.

1. MEDIDAS RELACIONADAS COA SELECCIÓN E PROVISIÓN

a) Selección e estabilización:

Traen a idea, pero sen texto normativo e sen concreción, de que unha vez rematado un proceso de OPE, nos dous anos seguintes as “vacantes” que xurdan poderían cubrirse con persoal fixo indo a orde de prelación da OPE, as persoas que non colleron praza.

Esta medida din que podería estenderse a todas as categorías e ámbitos.

As prazas que se adxudicarían a estas persoas non serían ofertadas na primeira toma de posesión, o que xeraría desigualdades.

b) Difícil cobertura:

Trasladan ao documento os criterios do Ministerio sen máis, sen prazo para negocialos e sen os incentivos que irían asociados.

c) Promoción interna horizontal:

Nunha liña plasman unha “idea” de que podería haber esta promoción interna a través dun concurso de méritos, sen proposta real.

Que posteriormente analizaríase en que categorías e ámbitos se puidera levar a cabo.

2. MEDIDAS RETRIBUTIVAS

- Anuncian que se negociará o sistema retributivo por TIS para aquelas categorías que están cobrando por cartilla, que sería de aplicación non antes do 2027.

Desde CIG-Saúde lembramos que este sistema está comprometido desde hai anos e para todas as categorías que traballan en atención primaria. Non aceptamos deixar categorías fóra desta retribución.

- Consolidación do grado (nivel) para tódalas categorías: esta medida vai a través da lei de medidas deste ano e será para tódalas categorías de atención primaria e hospitalaria.

Aquelas persoas que estiveron nomeadas en postos de responsabilidade cun nivel retributivo superior ao da súa categoría, a lo menos 2 anos continuados ou 4 descontinuos, consolidarán nivel con independencia da categoría que sexa.

3. MEDIDAS ORGANIZATIVAS

a) Creación de postos itinerantes:

O SERGAS pretende estender aos PACs a creación de postos con varios centros adscritos, obrigando ao persoal a desprazarse.

CIG-Saúde denuncia que isto xa se está facendo pola vía de feito en atención primaria e esixe a eliminación desta práctica, que supón precarizar o emprego.

b) Plans de reforzo:

Non incorporan nada novo, só citan os plans que xa existen para o verán e períodos estivais.

c) Formación das/os PSX na Titulación de Técnicas/os Superior en Documentación Clínica e Administración Sanitaria:

O SERGAS elabora un plan coa Consellería de Educación para acreditar parte da formación necesaria para completar esta formación mediante acreditación de competencias profesionais.

Para sorpresa de CIG-Saúde, o SERGAS valora que as/os PSX con esta titulación traballen en
atención primaria cun “complemento” sen reclasificar!

CIG-Saúde esixe a creación dos postos necesarios da categoría correspondente.

d) Plans funcionais dos PAC: ver folla informativa específica.

e) FEAP: ver folla informativa específica.

f) Plan de capacitacións das/os profesionais extracomunitarias/os pendentes de homologación: sen aclaracións, só indican que negociarán co Ministerio.

g) Enfermaría Familiar e Comunitaria / Pediatría:

O SERGAS informa da reconversión progresiva das prazas vacantes de enfermaría en especialistas pero sen plan nin previsión.

Di que proximamente negociarase o concurso específico de enfermaría familiar e comunitaria, sen data definida, e que aumentarán as prazas EIR.

4. MEDIDAS RELACIONADAS COA DOCENCIA E INVESTIGACIÓN

Non concretan ningunha medida.

Falan da prioridade de que haxa titoras/es MIR de medicina de familia e comunitaria, pero sen proposta nin compensación.

Tamén indican, sen máis, que “potenciarán a investigación”.

5. MEDIDAS RELACIONADAS COA CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E COMUNITARIA

O SERGAS di que, na medida do posible, reconverterá prazas de tarde en deslizantes, pero non analiza centro a centro nin a viabilidade real.

Anuncian convenios con concellos para facilitar vivenda e aseguran que favorecerán a conciliación e flexibilización horaria, algo contraditorio tras anos de recortes e xustificacións pola falta de profesionais.

O documento presentado polo SERGAS é un insulto á intelixencia e ao traballo do persoal que sostén a sanidade pública galega.

Non hai planificación, non hai compromiso, non hai negociación.

Só propaganda e improvisación.

A atención primaria colapsou, e o SERGAS, lonxe de asumir responsabilidades, continúa destruíndo o servizo público e culpando ao propio persoal.

Desde CIG-Saúde afirmamos con rotundidade: non imos permitir que se siga destruíndo o modelo público de atención primaria nin que se impoña un modelo de precariedade e desigualdade tanto para as profesionais como para a poboación.

A nosa posición é firme: unha única categoría de médica/o de familia na atención primaria, con prestación en atención ordinaria ou en PAC.

E tamén firme é a nosa resposta:

NON á categoría de FEAP, NON á imposición e NON ao engano.

Porque defender a atención primaria é defender a sanidade pública galega e o dereito da cidadanía a unha asistencia digna.

CIG-Saúde vai seguir denunciando, mobilizando e loitando.

Volver