O SERGAS limita que as traballadoras poidamos dar lactación materna
- Sanidade Pública
CIG-Saúde denuncia que no SERGAS non existe unha adaptación real dos postos de traballo, o que leva a que as mulleres teñamos que abandonar a lactación materna, e esixe medidas de protección á lactación materna natural.
Situación
Cando as traballadoras solicitan unha adaptación de posto por lactación materna, este procedemento é pouco áxil, é frecuente que se adapten mal ou incluso que sexan denegadas.
Están sendo denegadas adaptacións de posto por exceder dos 9 meses da crianza, porque o SERGAS basea a adaptación do posto tendo en conta a prestación por risco laboral na lactación materna do INSS e non no feito en si de dar lactación materna natural.
Tampouco existen espazos adaptados que garantan tanto a extracción de leite como que se poidan aleitar as crianzas en condicións que se garanta a intimidade e/ou seguridade.
Regulación
As Xerencias deben ter tódolos postos coas súas avaliacións de riscos feitas, onde se identifiquen os riscos específicos para a lactación materna.
CIG-Saúde esixe:
A avaliación específica de tódolos postos de traballo en canto á lactación materna natural para que a adaptación sexa áxil e inmediata.
Que a adaptación de posto se manteña ata que a traballadora decida rematar coa lactación materna , en consonancia coas recomendacións da OMS, sociedades científicas e mesmo o SERGAS sobre promoción da lactación prolongada.
Que se dispoña dun espazo de lactación no seu centro , ou ben para aleitar a súa crianza, ou para a extracción do leite materno en condicións de intimidade e seguridade.
Que o SERGAS non limite que as traballadoras da sanidade poidamos aleitar as nosas crianzas !!