O SERGAS modifica as condicións de traballo do persoal médico de familia por decreto
Utiliza a Lei de Acompañamento dos orzamentos para impor novas condicións laborais
- Atención primaria
- Sanidade Pública
O SERGAS comunicou ás organizacións sindicais, na mesa sectorial celebrada este martes, a súa decisión unilateral de modificar as condicións de traballo do persoal médico de familia, utilizando para iso a Lei de Acompañamento dos Orzamentos para 2022. A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, rexeita esta decisión e denuncia a falta de negociación porque “o único que fixeron onte foi tratar de validar este despropósito”.
Abuín denuncia que lonxe de dar resposta á situación da Atención Primaria, que era en teoría o obxectivo para o que se convocara a mesa sectorial, “por presión sindical”, o que fixo o SERGAS foi “empeorar as condicións laborais creando un novo posto de traballo das médicas e médicos de Familia con dobre prestación de servizo: consulta ordinaria e PAC”.
Cubrir dous postos de traballo cunha soa médica/o
Deste xeito, a consellaría de Sanidade vai incorporar na Lei de Medidas un artigo excepcional, cunha vixencia de 5 anos, a través do que crea este posto de traballo. Así, a partir da aprobación desta da lei de orzamentos, os e as médicas de familia que contrate o SERGAS estarán obrigadas, co mesmo contrato, a traballar nas consultas dos centros de saúde e facer gardas obrigatorias nos PAC que, até o de agora, eran gardas voluntarias. “É dicir, unha/un só médica/o vai cubrir dous postos de traballo”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde.
Abuín explica que as profesionais van ter que facer, obrigatoriamente, unha xornada continuada de 37 horas e pregúntase “como se pode facer un traballo de calidade con esta xornada de traballo”. Xunto a isto cuestiónase tamén se a intención do SERGAS é “que este persoal descanse á saída de gardas, como por dereito lle corresponde” e, nese caso, “quen vai dar cobertura á atención ordinaria na súa consulta no centro de saúde”.
Denuncia que, deste xeito, vanse incrementar as listas de agarda de primaria e asegura que con esta medida non van fidelizar ás/aos profesionais. “O que é indecente é que o SERGAS, durante os últimos 12 anos, non convocase as prazas de médicas/os de familia necesarias para atender a demanda asistencial, e que agora a súa medida estrela sexa empeorar as súas condicións laborais”.
Xunto a isto subliña que “non só se empeoran as condicións laborais do persoal, senón que tamén se empeora a calidade da asistencia sanitaria”.
A CIG-Saúde agarda pola publicación do borrador da Lei para poder estudalo e ver se procede a súa impugnación e “tamén tomaremos outras medidas de acción sindical”, di Abuín, xa que “non coñecemos o texto do artigo que modifica ás condicións das/os médicas/os de familia porque o SERGAS, na mesa sectorial, non fixo entrega do texto”, denuncia Abuín.
A CIG-Saúde rexeita completamente o cambio que o SERGAS fai na negociación colectiva. “É a primeira vez que utilizan a lei de medidas que acompaña os orzamentos para modificar as condicións do persoal e anular os acordos existentes –negociados e pactados en mesa sectorial- e vixentes desde 2005”.