O SERGAS non aborda a situación dos/as enfermeiros/as e nin sequera garante o dereito ao emprego
CIG-Saúde denuncia que trouxo á Mesa Sectorial unha medida unicamente retributiva
- AgEnfermeira
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde vén de denunciar que o SERGAS rexeita abordar a situación dos/as enfermeiros/as e que só levou á mesa sectorial unha medida unicamente retributiva que nin sequera garante o dereito ao emprego. Neste sentido, advirte que “a solución non é pagar horas extra ao persoal enfermeiro que temos, xa sobrecargado, senón crear as condicións para sumar máis persoal, mellorando as condicións de traballo e incrementando os cadros de persoal”.
Para a CIG-Saúde non é aceptable incentivar a “voluntariedade” sen garantir que o persoal enfermeiro que está nas listas de contratación teña contratos “en condicións dignas” e “sempre se antepoña a contratación á realización de horas extra”.
Así, para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira é necesario “regular a retribución polo exceso de xornada que fan as profesionais cando é imprescindible para manter a continuidade asistencial”. Unha medida que, en todo caso, entende que non pode ser a única e que “hai que acompañala de outras que permitan que o traballo ordinario, sen sobrecargas, garanta esa continuidade asistencial”.
A este respecto lembra que no mes de xuño de 2022, CIG-Saúde solicitou en Mesa Sectorial a creación dun grupo de traballo de sobre a situación dos/as enfermeiros/as, que foi aceptado pola parte da Administración, sen que nunca máis se soubera del.
“Un ano despois a situación dos/as enfermeiros/as continúa empeorando debido á falta de profesionais dispoñibles, ás malas condicións de traballo do persoal temporal e á sobrecarga nos centros de traballo”, denuncia.
Para CIG-Saúde é imprescindible abordar a situación dos/as enfermeiros/as para poder, en base a iso, establecer medidas que corrixan e melloren as condicións de traballo para que sexan máis atractivas e acudan ao SERGAS novos/as profesionais, pero fundamentalmente, para reter e consolidar a quen xa están no sistema.