O SERGAS non respecta a saúde do seu persoal nin a das persoas que acoden aos centros sanitarios

  • Sanidade Pública
  • Saúde laboral

Coa publicación da versión 16 do “PLAN ESPECÍFICO PARA A PREVENCIÓN DE RISCOS ANTE A EXPOSICIÓN LABORAL AO NOVO CORONAVIRUS (SARS-CoV-2)” o SERGAS confirma que as persoas que traballan na sanidade pública que sexan contactos estreitos dun caso confirmado da COVID-19 ou que sexan casos positivos confirmados, salvo que traballen en “ámbitos vulnerables”, terán que incorporarse aos seus postos de traballo.

Os “ámbitos vulnerables” atópanse nas plantas de hospitalización (incluíndo unidades de críticos e grandes queimados), no Hospital de día onco-hematoloxía ou nas unidades/centros de diálise.

CIG-Saúde non entende que, desde unha perspectiva da prevención de riscos laborais, se establezan “ámbitos vulnerables” para decidir as medidas a tomar para previr problemas de saúde destes profesionais.

Pero ademais da saúde dos profesionais está en xogo a saúde das persoas que acoden aos centros sanitarios. Acaso so atopamos pacientes susceptibles de ter problemas graves de saúde por un contaxio de coronavirus, a través dun profesional sanitario, neses ámbitos?

As e os profesionais sanitarios que traballan en ámbitos que non son definidos como vulnerables están obrigados a seguir traballando a pesares de ser contacto estreito dun caso ou xa un caso confirmado, cando na meirande parte das ocasións estas profesionais tratan con persoas que acoden aos centros sanitarios sen ser identificados previamente como pacientes de alta complexidade e/ou inestabilidade, onco-hematolóxicos ou que precisan diálise.

Até agora, por responsabilidade, unha persoa traballadora da sanidade cando tiña un proceso infeccioso, como unha gripe, estaba indicado que non acudira ao seu centro de traballo e collera unha baixa laboral, aínda que a súa sintomatoloxía fora leve.

A partires de agora, coa COVID-19, cunha contaxiosidade e morbimortalidade maior que a gripe, as persoas traballadoras da sanidade atoparanse cun conflito ético, pois están obrigadas a ir a traballar incluso coñecendo a súa infección polo virus SARS- CoV-2, poñendo en risco a saúde do resto das traballadoras e a das persoas que teñan que atender nunha consulta, nunha urxencia, na rúa ou nun domicilio.

Desde CIG-Saúde esiximos que a todo profesional, sanitario ou non sanitario, que sexa contacto estreito dun positivo por COVID-19 ou un caso positivo confirmado, que teña contacto directo con pacientes e/ou compañeiros de traballo en entornos pechados, sexa adaptado o seu posto mediante a realización de tarefas telefónicas, de xestión ou teletraballo (de resultar posible e tendo en conta as funcións a realizar polo/a traballador/a) ou, no seu caso, o cambio de posto. De non ser posible o cambio de posto, precisaría tramitar a incapacidade Temporal (IT).

Volver