O SERGAS pon en marcha a prescrición enfermeira nunha atención primaria sobrecargada sen dotación de persoal
CIG-Saúde denuncia a falta de planificación e a improvisación por parte da Consellería de Sanidade
- Atención primaria
- Sanidade Pública
O SERGAS anunciou a través da prensa que a partir do mes de outubro estará habilitada a dispensación de medicamentos relacionados coa hipertensión, diabetes ou queimaduras.
CIG-Saúde celebra que o SERGAS avance no desenvolvemento da profesión enfermeira, mais o primeiro que precisa a profesión para desenvolverse é aumento na dotación de persoal.
Coa dotación actual das/os enfermeiras/os dos centros de saúde é inviable asumir máis carga de traballo. O SERGAS non pode seguir obviando as necesidades de incremento de profesionais e sobrecargar máis a unha categoría que xa está pedindo auxilio.
É frecuente a implantación de programas, protocolos... por parte do SERGAS, sen que isto vaia acompañado dunha dotación orzamentaria en materia de persoal. Cada vez que medra a carteira de servizos e se ofrece á poboación unha nova prestación e/ou servizo, nunca vai acompañado cunha dimensión do traballo e coa dotación de persoal necesaria, é dicir, sae gratis.
CIG-Saúde esixe tamén ao SERGAS que a implantación destes protocolos leven consigo un programa formativo dentro da xornada laboral, xa que os profesionais necesitan tempo, dentro da súa xornada, para estudar e desenvolver os protocolos que se pretenden implantar.
O SERGAS debera de ter no seu cadro de mando unha Subdirección Xeral de Enfermería que planificara todo o relacionado cos cambios que se van facer, que contara cas/os profesionais que van a realizar este traballo, e deixarse xa de titulares de prensa que lonxe están de axudar a desenvolver a profesión, e o que fan é poñela en cuestión.
É necesario avanzar na profesión enfermeira, polo que É URXENTE INCREMENTAR a dotación de persoal!!