O SERGAS segue a desviar cartos públicos a empresas privadas

CIG-Saúde rexeita que se manteña a externalización do servizo de mantemento do Hospital Naval e do Marcide

  • Ferrol

Recentemente CIG-Saúde Ferrol tivemos noticias da intención do SERGAS de perpetuar o desvío de cartos feito á empresa privada.

Desta volta trátase do mantemento íntegro do Hospital Naval e de parte do mantemento do Arquitecto Marcide, cando a experiencia nesta área sanitaria deixou máis que probado que o equipo de mantemento público funciona moito mellor que o privado, non soamente polas condicións do persoal afectado, se non tamén polo servizo prestado, servizo onde prima a calidade e o aforro a longo prazo, en vez de atender a un aforro para hoxe e fame para mañá.

A proba a tivemos cando unha empresa externa se encargou de cambiar os tubos fluorescentes por tubos led para ter un aforro de enerxía. E que fixeron no seu día?

Pois para acabar pronto, cambiaron uns focos por outros sen retirar as reactancias; algo do que se deron conta tempo despois os nosos traballadores, e con tal “hazaña” o consumo enerxético mantíñase íntegro.

Así mesmo na mesma noticia o SERGAS se congratula de que a empresa poderá propoñer e executar as melloras que considere oportunas.

Dende a CIG-Saúde Ferrol seméllanos un insulto á intelixencia da poboación que se contrate a un enxeñeiro privado para que nos diga en que mellorar, cando o SERGAS xa ten contratados a catro enxeñeiras e enxeñeiros, que fan á perfección o seu traballo e xa saben en que debemos mellorar, que ocorre? temos interese nalgunha empresa externa?

Xa no seu día o SERGAS sacou aos calefactores do Arquitecto Marcide da central térmica para meter alí aos dunha empresa externa, que nestes anos demostraron un empeoramento co que tiñamos, hipotecándonos por oito anos, e agora outros tres.

No anterior Prego de claúsulas administrativas, no seu punto 8 no que se refire ás obrigacións do adxudicatario, recolle: “deberán garantir a presenza física no CHUF dos técnicos que correspondan para dar cobertura ao obxecto de contrato 24 horas ao día 365 días ao ano”.

Algo que non se cumpriu, xa que de presenza física na Central Térmica só había un técnico en quenda de mañá. Se existía algún problema na tarde, na noite ou en festivos tentábase amañar vía telemática, e de non poder, mandábase aos nosos traballadores pagados polo SERGAS a rearmar os equipos, no canto de esixirlle á empresa privada que cumprira co contratado.

Cando isto era un traballo público sempre se mantiña unha presenza na Central Térmica para previr posibles problemas, xa que o mantemento público non so é correctivo senón que é preventivo e predictivo.

A Dirección desta Área Sanitaria de Ferrol non mostrou ningún interese en escoitar as propostas que dende CIG-Saúde quixemos facer para que isto revertera de novo na empresa pública, en vez de seguir mantendo a certas empresas privadas.

E agora, voltamos a regalar case tres millóns de euros anuais a unha empresa externa que vai loitar por uns maiores ingresos, en vez de por un mellor servizo á cidadanía.

Volver