O SERGAS SOBRECARGA O PERSOAL DE ATENCIÓN PRIMARIA COA REALIZACIÓN DE TESTS QUE NON APORTAN NADA

O PERSOAL DE ENFERMARÍA DOS CENTROS OBRIGADO A REALIZAR 50.000 TESTS EN TODA GALIZA A MAIORES DO SEU TRABALLO E SEN CUBRIR AS BAIXAS

  • A Coruña

Esta semana comezou a segunda fase do estudo de seroprevalencia da poboación que está a realizar o Sergas, unha segunda fase da que colectivos profesionais e organizacións sindicais demandaron a súa suspensión xa que non aporta información ningunha, tal e como xa se demostrou na primeira fase.

 

Deste xeito o Sergas está sobrecargando o persoal de enfermaría de Atención Primaria, que tería que estar xa programando a actividade ordinaria que se deixou de realizar durante o estado de alarma (controis periódicos de diabetes, tensión arterial, etc.), e que están asumindo en moitos centros ausencias por baixas que non se están substituíndo.

 

Desde CIG-Saúde queremos denunciar públicamente o abuso que supón cargar a este persoal cun traballo que non ten ningunha utilidade máis alá da súa utilización política para a campaña do Sr. Núñez Feijoo. Cando se terían que estar reforzando as plantillas dos centros de saúde, xa que é a Atención Primaria a que ten que cargar coa responsabilidade de detectar os posíbeis rebrotes da COVID-19 e facer un rastrexo de calquera posíbel novo positivo, non só non se reforzan as plantillas senón que aínda se sobrecarga as traballadoras e traballadores cun traballo inútil asistencialmente e que non aporta ningunha información epidemiolóxica, e todo isto sen substituir moitas ausencias do persoal por baixas ou permisos.

Volver