O Tribunal Supremo confirma que o acordo entre ADESLAS Dental e CCOO é en fraude de lei
Desde CIG-Saúde defendemos que as traballadoras afectadas non terán que recuperar a xornada non realizada polo peche da empresa
- Sanidade Privada
O Tribunal Supremo confirma a sentenza da Audiencia Nacional sobre o acordo entre a empresa Adeslas Dental e o sindicato Comisións Obreiras (CCOO) sobre a devolución horaria da xornada de traballo non realizada, por causas imputables á empresa, desde o 18 de marzo de 2020 ao 1 de abril de 2020 e desde o 10 de abril ao 18 de maio de 2020.
A CIG-Saúde participou na negociación en función da representación outorgada polas traballadoras.
Desde o seu inicio, CIG-Saúde manifestou o seu desacordo co ámbito da negociación e cos termos nos que se estaba a producir, manifestando reiteradamente esta posición. negociación rematou coa sinatura do acordo entre a empresa e CCOO.
Á vista do resultado da negociación CIGSaúde acordou con UGT presentar unha demanda conxunta diante da Audiencia Nacional que recollera o defendido pola CIG-Saúde desde o inicio da negociación.
Despois de atrasar a data prevista inicialmente, o día da vista a letrada que defende os intereses da CIG-Saúde diante da Audiencia Nacional non puido presentarse por ter sinalado outro xuízo que se demorou no tempo, a letrada da CIG-Saúde acordou coa letrada da UGT que esta defendería os termos completos da demanda presentada.
A sentenza, confirmada agora polo Tribunal Supremo, considera que o acordo asinado entre CCOO e a empresa é en fraude de lei porque o seu obxectivo non descansa en resolver unha causa económica, técnica, organizativa ou de produción (ETOP) preexistente á negociación.
Ademais estímase vulnerado o principio de correspondencia ao negociar unitariamente o descolgue de 29 convenios e tamén se incorre en fraude de lei cando se pretende que o acordado supere o prazo de vixencia dos convenios descolgados.
CIG-Saúde insta á empresa a iniciar un proceso de negociación que respecte o marco legal, nos termos que recolle a sentenza agora confirmada polo Tribunal Supremo.