OPE: baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos/das aspirantes seleccionados/as.

Categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética, técnico/a superior en documentación sanitaria e de técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional, convocado pola Resolución do 19 de abril de 2024, relativo á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos/das aspirantes seleccionados/as.

Publícase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) os acordos dos tribunais relativos á puntuación definitiva da fase de concurso obtida polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética, técnico/a superior en documentación sanitaria e de técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, convocados pola Resolución do 19 de abril de 2024.

De conformidade coa base 9.1 da convocatoria e o artigo 16.2 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, os/as aspirantes seleccionados/as que se relacionan no anexo desta resolución disporán do prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación para a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/da, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

b) Certificado médico en que se acredite a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias da categoría.

c) Por exixencia do artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado/da por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, na súa falta, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.

Esta autorización deberá prestarse no modelo que para o efecto consta na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no punto relativo ao emprego público (www.sergas.es/emprego público).

d) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría a que opta.

e) Os/as participantes que accedan pola quenda de persoas con discapacidade deberán achegar neste momento, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa do mantemento dos requisitos para acceder pola correspondente quenda, de non ter carácter definitivo a resolución pola que se lle recoñeceu a discapacidade, e que foi achegada ao inicio do proceso selectivo.

A documentación requirida nesta resolución deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberase dirixir á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Volver