OPE: lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición de TCAE e PSX
Publicado hoxe en DOG
- Oposicións
- Sanidade Pública
Publícase na páxina web do SERGAS, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas:
As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro de tinta indeleble.
A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/ expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.
Os/as aspirantes deberán respectar as seguintes indicacións:
1ª. O/a aspirante deberá asistir á realización das probas co material mínimo indispensable. Este material irá nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno, que cada aspirante levará sempre consigo e que, durante a realización do exame, deberá situar no chan.
2ª. Non estará permitido o acceso do/da aspirante ao interior do recinto con alimentos, agás causa médica xustificada.
3ª. Todos/as os/as aspirantes presentados/as ás probas selectivas terán á súa disposición, na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), o certificado de asistencia ao exame a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar de realización das probas.
O Servizo Galego de Saúde desprazará o día do exame, á mesma hora, a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que lles permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que puxesen posto en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo ou posible parto e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estaren ingresadas na data da súa realización, e se recibise na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.
Aquelas aspirantes que non comunicasen no prazo establecido no punto anterior a súa vontade de realizar o exercicio nun centro hospitalario e estean de parto o día do exercicio deberán comunicar a dita circunstancia o mesmo día do exame, mediante correo electrónico dirixido ao enderezo de correo oposicions@sergas.es e, solicitar a realización do exercicio noutra data. O exame realizarase nos quince días seguintes ao da realización das probas, logo de comunicación da data polo Servizo Galego de Saúde á/ás interesada/s.
Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar auriculares nin manipular de ningunha maneira aparellos electrónicos, tecnoloxía dixital, telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará no recinto ningún servizo para a súa recollida.