OPE PSX: aspirantes definitivamente seleccionados/as e inicio do prazo de elección de destino

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación de persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no concurso-oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais e se inicia o prazo para a elección de destino.

Publícase como anexos a relación de persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no concurso-oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, polas quendas de acceso libre, promoción interna,  discapacidade xeral e discapacidade intelectual.

Abrese un prazo de dez días hábiles (do 27 de marzo ao 9 de abril) , contados a partir do seguinte ao desta publicación, para que as persoas aspirantes das quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación.

Abrese un prazo de dez días hábiles (do 27 de marzo ao 8 de abril) , contados a partir do seguinte ao desta publicación, para que as persoas aspirantes da quenda de discapacidade intelectual seleccionen os destinos ofertados, por orde de prelación, no modelo de formulario que consta en formato editable á súa disposición na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

A selección de destinos no dito formulario polas persoas aspirantes da quenda de discapacidade intelectual efectuarase consonte o seguinte procedemento:

a) A persoa aspirante cubrirá os seus datos persoais e seleccionará os destinos ofertados, por orde de prelación, de maior a menor preferencia.

b) Para os efectos da súa indicación no formulario, a persoa aspirante deberá identificar os destinos polo concello onde están situados.

c) Logo de efectuada a selección de prazas, deberá asinar o formulario e presentalo nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución.

d) O formulario irá dirixido á Dirección Xeral de Recursos Humanos. Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes que, neste prazo e conforme o procedemento establecido, non seleccionen ningún destino non poderán ser nomeadas persoal estatutario fixo e quedarán sen efecto todas as súas actuacións neste proceso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Volver