Os nosos dereitos laborais seguen en estado de alarma
Seguen anulados os dereitos laborais e retributivos do persoal do SERGAS
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
A Consellaría Sanidade decreta o estado de alarma permanente para o persoal do SERGAS
- Seguen anulados os dereitos laborais dos e das traballadoras.
- Os dereitos retributivos levan 10 anos suspendidos.
Con data 12 de marzo de 2020, en pleno estado de alarma, a Xerencia do SERGAS edita a instrución nº 4/2020 sobre medidas en materia de persoal como consecuencia do COVID.
Agora sen estado de alarma, o SERGAS segue a aplicar ao seu persoal as medidas recollidas na devandita instrución.
Medidas en materia de persoal que seguen a estar vixentes:
- Para o persoal temporal:
- Fican suspendidos os dereitos a poder solicitar unha suspensión de chamamentos para poder descansar do abuso na contratación, ou para poder conciliar a vida persoal e familiar.
- Seguen sen facer cómputos de xornada ao persoal temporal. Así, a xornada realizada a maiores nin se retribúe, nin se recupera.
- Para o conxunto dos e das traballadoras:
- Fica suspendido o dereito ao desfrute de vacacións, permisos e licenzas. O persoal do SERGAS segue sen poder desfrutar os seus días libres, e algún persoal non sabe cando poderá desfrutar as súas vacacións anuais.
- Manteñen a obriga de ampliar a xornada laboral en función das necesidades asistenciais, que se fan desde a improvisación, e non desde a planificación de necesidades, obrigando ao persoal a estar permanentemente dispoñible.
Ante esta situación, desde CIG-SAÚDE vimos demandando a convocatoria urxente dunha reunión de mesa sectorial para abordar os seguintes temas:
.- Cómputos de xornada do persoal eventual.
.- Licenzas e permisos.
.- Desfrute dos días suspendidos durante a pandemia.
.- Rexistro das solicitudes de permiso e vacacións a través de FIDES.
.- Carteleiras de traballo.
.- Valor da hora de xornada complementaria.
.- Días de especial significado.
Feijóo segue a atribuírse, como mérito propio, o traballo desenvolvido polo persoal da sanidade pública na loita contra o COVID e os bos resultados acadados. Mentres, condena ao persoal a non poder desfrutar dos días de permiso, das vacacións, ou dos excesos de xornada realizada.
A precariedade laboral e a suspensión de dereitos non poden ser a norma consolidada no SERGAS. Esta situación hai que parala XA!
Estas políticas de persoal son as que exclúen ao persoal do sistema sanitario público.
Exiximos outras políticas de persoal, e que se respecten os dereitos laborais do persoal.
Convocatoria da reunión da MESA SECTORIAL XA.