Os sindicatos do SERGAS denuncian que a consellaría empeorou “unilateralmente” o acordo de redución de xornada
CIG-Saúde exixe identificación da actividade nos distintos ámbitos; colectivos que teñen que realizala; e a regulación dun sistema para que a xornada de 35 horas se efectivice
- Atención primaria
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Os sindicatos que conforman a mesa sectorial do SERGAS convocaron esta mañá concentracións nas entradas principais dos centros de saúde de todo o país para denunciar a vulneración, por parte da consellaría de Sanidade, do acordo de redución de xornada asinado o 20 de abril de 2023.
Segundo denuncian, o SERGAS emitiu, de xeito unilateral, unhas instrucións para aplicar este acordo no ano 2025, empeorando o asinado coas organizacións sindicais, xa que recolle a obriga de realizar xornada os sábados pola mañá para determinadas categorías profesionais.
Isto significa que algunhas categorías profesionais non teñen dereito efectivo a ter unha xornada de 35 horas. O que si recoñece a instrución é un incremento retributivo pola realización destes sábados.
As Organizacións Sindicais presentes na Mesa Sectorial, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT defenden que as carteleiras de traballo do persoal con quenda fixa de mañá ou tarde teñen que conter 35 horas, sen sábados.
Eliminación dos sábados
Na pasada Mesa Sectorial as Organizacións Sindicais exixiron a eliminación dos sábados das carteleiras, e que se creara un sistema regulado e transparente de voluntariedade para a súa cobertura, de aplicación similar en todas as Áreas Sanitarias.
Hai varias partes do acordo que quedaban para unha posterior negociación, que nunca se chegou a dar, e que o SERGAS segue obviando.
A CIG-Saúde denuncia que a día de hoxe “só temos unha declaración de intencións de matizar as instrucións, e de que no primeiro trimestre do 2025 se negociará un sistema de voluntariedade, tendo a primeira xuntanza o 14 de xaneiro”.
O sindicato nacionalista exixe que se identifique a actividade que se realiza nos distintos ámbitos, tanto de atención primaria como de hospitalaria, que colectivos teñen que realizala e que se regule xa un sistema de voluntariedade para que a xornada de 35 horas sexa unha realidade para todas e todos.
Para CIG-Saúde isto é insuficiente e dilata o problema no tempo, polo que continuarán ata que o SERGAS respecte o acordado o 20 de abril de 2023.