Plan de ordenación de RRHH de Atención Primaria

Mesa sectorial do 8 de febreiro de 2023

  • Atención primaria
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Tras meses de inactividade do Plan de Ordenación de RRHH de Atención Primaria, que comezou en 2021, o SERGAS convoca a Mesa Sectorial para tratar novos aspectos deste Plan, para CIG-Saúde non é casualidade que esta convocatoria sexa previa á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 12 de febreiro.

O SERGAS presenta na mesa dous documentos para a negociación:

  • O primeiro para o establecemento de prioridades e prazos de negociación.
  • E un segundo onde xa incorpora propostas, moitas deles en contestación ao solicitado previamente por CIG-Saúde.

Algunhas das propostas presentadas recollen:

  • Por primeira vez o SERGAS pretende instaurar límite nas axendas con un máximo de 40 consultas e propón un sistema para a xestión da sobredemanda.

Neste punto CIG-Saúde seguiremos defendendo 30 consultas e un sistema áxil para a xestión da sobredemanda,que non aumente as listas de agarda, e que se é mantida no tempo supoña a creación dunha nova praza.

  • Establece o desenvolvemento do cadro orgánico de persoal de atención primaria.

CIG-Saúde defendeu xa na mesa que para o deseño deste cadro non vamos a aceptar que se teña en conta aausencia de profesionais dispoñibles, xa que o cadro de persoal hai que desenvolvelo en base a outras variables (TIS, tramos de idade, complexidade, dispersión...)

  • Dentro do cadro orgánico din que tenderá a progresar na paridade de efectivos de persoal médico e enfermeiro.

Dentro das propostas de CIG-Saúde xa incluíamos de canto menos ter un “ratio” medicina de familia eenfermería de 1:1.

  • Pretende impulsar categorías como enfermería familiar e comunitaria, ao que desde CIG-Saúde compartimos, e tamén esiximos que se faga con mais categorías.
  • Matrón/a por fin recollen a petición de modificar o réxime retributivo e quedan en buscar un concepto tanto para esta categoría como para pediatría para retribuír a intersubstitución entre distintos centros.
  • Pretenden que os/as PSX asuman máis funcións de burocráticas.

CIG-Saúde consideramos que primeiro hai que eliminar a parte burocrática innecesaria e inútil e despois dotar ás áreas administrativas do cadro de persoal necesario para realizar o traballo.

  • Recolle a oferta de contratos de longa duración de 3 anos para o persoal de medicina familiar e comunitaria que remata este ano o MIR.

CIG-Saúde esixirá nas alegacións a presentar que estes contratos de longa duración deben ofertarse previamente as actuais listas de contratación, ademais de a concurso de traslados e OPEs.

  • En canto á prevención de riscos propoñen un plan específico para atención primaria coa contratación de técnicas/os de prevención específicos para Atención Primaria.
  • Comprométense a actualizar o modelo retributivo de tódalas categorías introducindo o pago por TIS, no canto de por “cartillas”, algo que desde CIG-Saúde vimos anos reclamando.

Quedan sen abordar moitas das nosas propostas:

  • Unha Xerencia propia para Atención Primaria con orzamento propio,
  • Desenvolvemento de equipos multi disciplinares,
  • Cambiar de obxectivos de acción asistencial a iniciativas de acción comunitaria de promoción da saúde e prevención da enfermidade...etc.

Por iso entendemos que temos que seguir a traballar en defender a Atención Primaria, en poñer en valor o traballo das/os profesionais e en loitar por un Plan de Ordenación que aporte solucións as e aos profesionais, no marco da Atención Primaria que defendemos.

Para isto é necesario continuar mobilizándonos!!

E tamén continuar enviando propostas e alegacións!!

En definitiva, continuar pelexando por mais Atención Primaria!!

Volver