Plano de continxencias COVID-19
Outra oportunidade perdida para eliminar a precariedade laboral, e garantir a continuidade nos coidados
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Desde CIG-SAÚDE solicitamos no mes de xullo, na reunión de mesa sectorial, que as xerencias, e nomeadamente as direccións de enfermaría, fixeran un informe de avaliación do acontecido durante a fase anterior da pandemia COVID (mes de marzo e seguintes). O devandito estudo debería recoller, tamén, a proposta de necesidades de persoal cara a posible nova onda de COVID no mes de outubro. O Plano debería estar negociado e publicado no mes de setembro.
Nunca coñecemos o informe de avaliación, nin sabemos se os centros o realizaron.
Agora, o 13 de novembro de 2020, o SERGAS presenta na mesa sectorial un plano de continxencias COVID que a CIG-SAÚDE vén de rexeitar:
• Por que non hai ningún informe de avaliación de necesidades. Se non se avalían as necesidades, non se recoñece o problema, e non se poñen solucións.
• Por ser un plano de continxencias que afonda na precariedade laboral do persoal.
• Por non garantir contratos de duración mínima para todo o persoal. Nin contratos estables.
• Por que non se garante que os contratos sexan ofertados seguindo a rigorosa orde de puntuación nas listas de contratación temporal.
• Por que non se recollen medidas que permitan ao persoal exercer o dereito á conciliación familiar. Só se recollen medidas de dispoñibilidade absoluta e penalizacións.
• Por non recoller ningunha medida que elimine a situación que están a sufrir as áreas administrativas dos centros de saúde.
• En conclusión, por que este é o plano que achega mais precariedade laboral, e maior risco para a saúde laboral das/os traballadoras/es do SERGAS.
Nas alegacións presentadas por CIG-SAÚDE na mesa sectorial do SERGAS exiximos:
• Contratos de duración mínima de 6 meses para todo o persoal, e para cubrir todas as unidades e ámbitos, ofertados pola lista de contratacións.
• Que se oferten nomeamentos de interinidade para cubrir as vacantes existentes.
• Negociación inmediata dunha orde de vínculos que recolla contratos estables e de longa duración.
• Non serve de nada negociar unha orde de vínculos, se o SERGAS non muda a súa política de contratacións.
• Exiximos que se contrate pola causa e duración polo que se motivou o contrato, e que deixen de fragmentar os contratos en quincenas e meses.
• Demandamos formación presencial para todo o persoal, computada como xornada de traballo.
• Exiximos solucións ao problema das áreas administrativas de primaria.
→ En conclusión, o que demandamos desde CIG-SAÚDE é respecto para as/os profesionais da sanidade pública.
→ Respecto dunha administración que afoga ao persoal cunha precariedade laboral INDECENTE.