Polo dereito de todas e todos a unha xubilación digna
- Sanidade Pública
Nos últimos meses os medios de comunicación veñen publicando informacións sobre reunións entre o Ministerio de Seguridade Social, a patronal, CCOO e UGT para facer cambios en materia de pensións sobre xubilación parcial e coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación.
Temos que denunciar que estas negociacións se están a dar de forma escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG.
POR TODO ISTO, E ANTE O QUE SE ESTÁ A NEGOCIAR, DESDE A CIG NOS MOBILIZAMOS PARA EXIXIR AO GOBERNO ESPAÑOL:
1.- Restabelecer o dereito a xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para os da industria manufactureira.
2.- Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
3.- Recoñecemento e mellora dos procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.
4.- Todas estas negociacións teñen que ter lugar nos organismos públicos e deben respectarse os dereitos legais de participación dos sindicatos –como a CIG– máis representativos e maioritarios.
Desde CIG-Saúde estamos a defender que as condicións da xubilación do persoal da sanidade pública deben estar recollidas no Estatuto Marco e deben ser negociadas polas organizacións sindicais con representación na sanidade pública e nos ámbitos establecidos para elo.
CIG-Saúde mantemos a nosa demanda de xubilación parcial e xubilación anticipada voluntaria a partires dos 60 anos cando se teñan 35 anos reais cotizados, e que as condicións figuren no novo Estatuto Marco.
En apoio e difusión destas exixencias, A CIG convoca as seguintes concentracións o día 9 de maio:
- Delegación do goberno A Coruña ás 11 horas
- Subdelegación do goberno Lugo ás 11 horas
- Subdelegación do goberno Ourense ás 11 Horas
- Subdelegación do goberno de Pontevedra ás 11 horas