Posición de CIG-Saúde sobre a nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias

Defendida no Comité consultivo do Sistema Nacional de Saude do 21/09/2023

  • AgMédica
  • Sanidade Pública

Posición de CIG-Saúde no Comité Consultivo do 21/09/2023 sobre o Decreto de creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias

A falta de profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria na sanidade pública, e tratar de evitar que estes/as especialistas acaben traballando nos servizos de urxencias non debería ser a única xustificación para crear a nova especialidade.

A disposición adicional terceira declara que non terá custo adicional. Isto que supón? Van transformarse prazas de formación de medicina Familiar e comunitaria en prazas da nova especialidade?

A especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria realiza atención urxente aos problemas propios da especialidade, isto forma parte do seu ADN. A medicina de familia realiza a súa atención ordinaria, en todos os seus ámbitos e no medio desta atención tamén atende urxencias e emerxencias.

A nova especialidade de Urxencias e Emerxencias atenderá urxencias e no medio desa atención atenderá Emerxencias, polo que os novos especialistas centrarán a súa formación neses ámbitos asistenciais.

As dúas especialidades teñen ámbitos de actuación coincidente, pero con valores e obxectivos moi diferentes.

Para CIG-Saúde ligar a formación en Medicina Familiar e Comunitaria á de Urxencias e Emerxencias supón problemas na definición conceptual de cada especialidade. Non teñen vínculos sólidos en valores, obxectivos e campos de acción.

A formación da nova especialidade deséñase cun modelo de falsa troncalidade.

Esta formación común borra de golpe todos os principios inspiradores dunha Atención Primaria que transcende do exclusivamente clínico/asistencial para estenderse no ámbito comunitario.

Sería como ligar a formación de traumatoloxía con urxencias e emerxencias polo feito de que haxa traumatólogos/as que traballen en contornas de urxencias.

Ao terse que coordinar os programas docentes das dúas especialidades durante dous anos da súa formación, condiciónase o establecemento de prioridades no programa da especialidade de Medicina Familiar e comunitaria e da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e, deste xeito, condiciónase a evolución futura das dúas especialidades.

Algúns especialistas de Medicina Familiar e comunitaria ven a creación desta especialidade como unha oportunidade para que a medicina de familia se centre na Atención Primaria e recupere os valores de cando foi creada a especialidade, pero tal e como se establece a nova especialidade, e a falsa troncalidade na súa formación, non facilita este paso.

CIG-saúde denunciamos que o acceso pola vía extraordinaria ao título resulta discriminatorio para o persoal que, con diferentes nomeamentos de Atención Primaria, no noso caso do persoal especifico de PAC, fan actualmente a atención a maioría das urxencias e emerxencias.

Estes profesionais ven que non se conta esa experiencia para o acceso pola vía excepcional.

Para CIG-Saúde, esta reclamación non supón que consideremos que os PAC teñan que ser ocupados polas novas especialistas de Urxencias e Emerxencias, entendemos que o persoal médico dos PACs teñen que manter o modelo actual de unha única categoría de medicina de familia e dous postos de traballo diferenciados, pero entendemos que en analoxía con especialistas de medicina de familia de outros ámbitos, o persoal especifico de PAC tiña que ser contemplado no acceso extraordinario á nova especialidade.

Volver